
«Antes de nós» amosa como «a intimidade é o máis político que existe»
09 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Ás veces, a única terapia posible é a arte. Se cadra por iso, Castelao era médico. E debuxante. Ou ao revés, debuxante antes ca doutor. Se cadra, por iso mesmo relata en Retrincos como Melchor, o taberneiro, foino buscar porque o seu cativo ía morrer. Non quería que o curase, para iso xa era tarde. Quería que lle fixese un retrato. «El era un tipo que debuxaba case compulsivamente, eu creo que tamén porque era un xeito de liberar as súas emocións, os seus pensamentos». Xoán Fórneas é Castelao. Máis ben Daniel, antes de Castelao. O home, non o mito. O que malia a traballar xa como funcionario en Pontevedra, colleu o seu chapeu e percorreu a cabalo Rianxo exercendo a medicina durante o andazo de gripe española, que se cebou especialmente co seu concello natal. Aló exerceu de novo e viu morrer, pero tamén sandar. Pagou medicamentos e encabuxouse cando o caciquismo tiraba dos fíos da súa rede.
Diso, de Castelao cando aínda era Daniel, de como se mesturan ata facerse indistinguibles no home a medicina e a arte, dos momentos que parecían intranscendentes pero que serían fulcrais para a conformación do seu pensamento político, fala Antes de nós. É curioso como o título dun filme vén amosar tanta polisemia. Nós é a parella. Tamén a familia. Tamén a xeración. Tamén o pobo. Sobre todo, Galicia.
«Isto non deixa de ser unha fábula inspirada nuns feitos reais, nuns datos históricos, pero non todas as escenas existiron e foron tal que así». Para Fórneas, demasiada análise é parálise. Estudou, preparouse, pero o máis importante era encarnar. Dar corpo á persoa, non ao símbolo. «Creo que foi o personaxe máis complexo da miña carreira», recoñece.
«Como artistas temos a responsabilidade non do real, senón da verdade», di Cris Iglesias, que lle pon corpo a Virxinia Pereira Renda. Para algunhas cousas está a política, para outras a historia, pero a misión da arte é «entrar no profundo, entender as entrañas, ver a súa parte escura e humanizalos sen xulgalos».
Antes de nós fala da gripe de 1918, da morte dun fillo, o único fillo e dunha viaxe que acabaría sendo cerne do pensamento de Castelao, aquela na que coñeceu as cruces de pedra na Bretaña. «Son dous momentos preludio da historia da galeguidade e do galeguismo. A medicina que se viu forzado a exercer permitiulle entrar nas casas, nas cociñas, e ver as condicións da poboación. Aí comezaron a configurarse as súas decisións éticas. «E non hai nada máis político que a intimidade». Xoán Fórneas debulla paseniño os dous capítulos polos que navega a película, porque a viaxe á Bretaña, o reencontro do matrimonio, é tamén o momento no que comezan volcar o amor perdido pola ausencia do fillo «nun amor político cunha idea real de galeguismo e de identidade cultural. De nación».
Antes de nós para ser nós
A Castelao e a Virxinia salvounos unha ideoloxía común. «Hoxe estamos nun momento moi individualista e este era un pensamento político e social que fala de comunidade. Que necesario sería recuperar esa sensación de pobo, de comunidade», afirma entón Cris Iglesias. Porque Antes de nós retrata o que aconteceu antes de que as xeracións actuais nacesen. Pero tamén do que lles pasa hoxe: unha pandemia, guerras, o auxe da ultradereita e dos discursos de odio. «É importante levalo á película para entender o importante que é estar no lado correcto da historia».
De Daniel, de Castelao, tense gardado moito material, téñense escrito biografías, hai papeis, fotografías, ducias de documentos cos que pintar un retrato moi detallado de que pensaba e como sentía. De Virxinia, a súa dona, case nada. «Todo o que se sabe dela non está feito con unha perspectiva, obviamente nin de xénero, nin do contexto da época, nin relacional. Que mellor que darlle visibilidade a esa muller que tanto se invisibilizou», reclama Cris Iglesias. «Temos aquí unha figura que non soamente acompañou, que arroupou, senón que tamén loitou, que soubo acompañar toda esa ideoloxía política e persoal. E, grazas a ela, temos todo o legado de Castelao», di a actriz.
Hai tamén trazas de sororidade na correspondencia de Virxinia Pereira. Cris Iglesias lembra unha das cartas que lle enviou a María Casares onde «é fascinante como Virxinia reivindica a súa figura como artista e como galega». De novo a necesidade de comunidade, pero tamén de apoio entre mulleres, de unión para «facer país de defender o noso».
«Nun momento no que o galego perde falantes é fundamental o aspecto sociolingüístico da película»
Houbo que aprender os acenos, a moverse, saber como se relacionaban Virxinia e Castelao, tamén debuxar, facer caligrafía... E representar a lingua de xeito real. «Nun momento no que o galego perde falantes é fundamental o aspecto sociolingüístico da película», subliña Cris Iglesias. «Queriamos reivindicar a nosa lingua, a falada, as variantes dialectais». Fórneas, de Lugo, aproxímase ao seseo e á gheada. «Ese era o seu galego», di. Algo que lle gaba Cris Iglesias. «A min achegábase mais, porque Virxinia era unha neofalante, como somos a maioría das fillas dos 90», un esforzo por aprender galego queda reflectido nas cartas de Virxinia Pereira Otero Pedrayo e a María Casares.
«Tiña que haber ese compromiso, non podía ser doutro xeito», explica o actor, que lembra unha das citas máis famosas do intelectual galeguista: «Se aínda somos galegos é por obra e graza do idioma». O coidado co galego «é un valor bonito que comeza a reivindicar a xente», explica Cris Iglesias.
Reivindicar a lingua e a identidade para non ter que ver estereotipos e clixés cara a «unha lingua minorizada que estamos intentado reivindicar» no Centro Dramático Nacional, como lembra Fórneas que lle aconteceu nunha montaxe na que había unha personaxe que «non falaba galego nin castelán, era completamente robótico». Non había ánimo de ofensa. Probablemente, si moito descoñecemento.
Agora que RTVE adquiriu os dereitos da película «esperemos e reivindicamos que esta película na televisión nacional poida escoitarse en galego porque como imos escoitar a historia de Galicia, de Castelao, destes personaxes en castelán, porque estarías contando outra película», afirma Cris Iglesias. Trátase de «normalizar que nas canles estatais poidamos escoitar a nosa lingua, porque esta lingua sae de aquí pero perténcenos a todos. E iso é unha marabilla».