Machado en Vilagarcía

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero VILAGARCÍA

CULTURA

Detalle da exposición sobre os Machado que acolle a RAE.
Detalle da exposición sobre os Machado que acolle a RAE. RAE

Nun acto chamado Universo Machado, por máis que o nome central sexa Antonio, sería grave non citar a Manuel Machado Ruiz (1874-1947), poeta de notable entidade pero eclipsado por seu irmán

13 jun 2025 . Actualizado a las 10:40 h.

Hai dous días celebrouse en Vilagarcía un acto literario que A Mesa das Verbas, a institución organizadora, titulou Universo Machado. Nel, quince membros da mesa recitaron versos de don Antonio Machado —é o sesquicentenario do nacemento— ou versos propios, estes tamén en homenaxe ao poeta —e ao prosista— conmemorado. Eu tiven a honra de facer unha presentación do escritor, para min, e moitos outros, un nome esencial nas Letras europeas do século XX.

Pero non só falei de Antonio Machado Ruiz (Sevilla, 1875-Colliure, 1939), senón de seu pai, Antonio Machado y Álvarez (1846-1893), aquel misioneiro da causa da poesía popular da tradición oral que asinou unha chea de traballos co acaído pseudónimo Demófilo (en grego clásico, o que ama o pobo). Por certo, este don Antonio nacera en Santiago e foi compostelán os primeiros corenta días da súa vida, data na que súa nai, dona Ana Ruiz, se trasladou a Sevilla, a súa cidade natal, co futuro folclorista no colo. En Compostela aínda quedou algún tempo o seu home, don Antonio Machado Núñez, catedrático na Facultade de Medicina. Todos pertenceron á Institución Libre de Enseñanza, tan devota da voz artística e cívica do pobo.

O máis grande desta saga familiar publicou en 1936 (pouco antes do estoupido militar e fascista) o libro en prosa Juan de Mairena no que estampou «Si vais para poetas, cuidad de vuestro folclore». Tal chamamento foi lembrado en Malpica, o Día das Letras Galegas, diante de ilustres cantareiras, as que nos transmitiron (entre outras) os tesouros líricos do cancioneiro popular da tradición oral que tanto engaiolaron, entre nós, a Rosalía de Castro, a Castelao e a Ramón Cabanillas.

Nun acto chamado Universo Machado, por máis que o nome central sexa Antonio, sería grave non citar a Manuel Machado Ruiz (1874-1947), poeta de notable entidade pero eclipsado por seu irmán, tamén na consideración política. Sabido é que o 18 de xullo de 1936 Manuel estaba en Burgos e Antonio en Madrid. A Guerra Civil separounos fisicamente pero non sentimentalmente, e as duras circunstancias torceron as musas de Manuel.