Priscilla Monge, a arte do íntimo fronte ás violencias contra a muller

Gracia Novás REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A artista Priscilla Monge xoga coas obrigas escolares e os tabús nas súas instalacións.
A artista Priscilla Monge xoga coas obrigas escolares e os tabús nas súas instalacións. Paco Rodríguez

A creadora costarriqueña amosa no CGAC unha retrospectiva da súa obra

13 jun 2025 . Actualizado a las 22:50 h.

A artista costarriqueña Priscilla Monge (San José, 1968) foi unha pioneira en abordar temas candentes hoxe, pero que nos anos noventa, cando ela empezou, non tiñan prioridade no relato. Lembrábao onte o director do CGAC (Centro Galego de Arte Contemporánea), Santiago Olmo, tamén comisario da mostra «Cuestións de vida ou morte», na inauguración dunha retrospectiva sobre a obra desta creadora que se pode visitar en Compostela ata o 5 de outubro.

No seu traballo, desde a mirada do íntimo, Monge ponse fronte ás violencias contra a muller e fai unha crítica radical da estrutura patriarcal da sociedade, xogando con elementos como a distancia irónica e utilizando materiais tomados do cotián. Aínda que está considerada como pertencente á xeración que percorreu os camiños da arte posconceptual latinoamericana, Olmo pensa que o que resulta decisivo no discurso de Monge son as narrativas dos aspectos máis violentos da realidade, nun espazo onde a vítima principal é a muller. Os malos tratos, o feminicidio son asuntos cruciais, pero tamén calquera violencia exercida sobre a infancia, sobre os máis débiles.

Nunha liña similar, o conselleiro de Cultura, José López Campos, enxalzaba «a potente mensaxe feminista e emancipadora» que agroma da produción de Monge, que, «mediante ferramentas como o humor e o cinismo, move a matinar sobre a imaxe da muller no mundo actual. A súa arte traballa na reconsideración do corpo feminino e de toda a violencia social que xira ao seu redor».

Moitas veces, profunda Olmo, emprega Monge nas súas pezas un xeito de tratar os temas «coma se fosen contos inocentes», o que move ao espectador á reflexión e consegue «axitalo dunha maneira moi turbadora». A aparencia de neutralidade, de inocencia, a sensación de estar flotando ante esas obras inmersivas, incide, causan finalmente un impacto máis fondo e duradeiro.

Priscilla Monge, ante unha serie que lle censuraron na Bienal da Habana.
Priscilla Monge, ante unha serie que lle censuraron na Bienal da Habana. Paco Rodríguez

Priscilla Monge recordou como empezou a traballar nos anos noventa, nun momento en que nos países centroamericanos medraba a esperanza dun futuro mellor coa firma do tratado de paz. Costa Rica, explicou, non padecía feitos dunha violencia tan extrema como Guatemala, Honduras, El Salvador e Nicaragua, pero dábanse unhas formas de violencia máis doméstica, complicada, diferente. E había que abordalas.