Sarabela estrea este mércores en Ourense a obra teatral «O grande incêndio»

CULTURA

A peza é unha coprodución coa compañía lusa A Escola da Noite sobre un texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig
18 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
O Teatro Principal de Ourense estrea na noite deste mércores (21.00 horas) o espectáculo O grande incêndio, unha coprodución entre a compañía galega Sarabela Teatro e a lusa A Escola da Noite, con sede en Coímbra, no marco do programa da Rede Galega de Teatros e Auditorios.
Ánxeles Cuña, directora da formación ourensá, asume a dirección escénica desta montaxe en idioma portugués. Os equipos de Sarabela e A Escola da Noite colaboran para levar ás táboas o texto do dramaturgo alemán Roland Schimmelpfennig (Göttingen, 1967) cun elenco integrado por cinco actores e actrices: Ricardo Kalash, Igor Lebreaud, Miguel Magalhaes, María Quintelas e Ana Teresa Santos.
«É unha festa e unha alegría poder estar aquí presentando o que vai ser a primeira de dúas coproducións que dende A Escola da Noite propoñen para dar un paso adiante no afianzamento desta complicidade, deste compromiso común que temos entre as dúas compañías. Hai moitos vínculos, moitos afectos, moito respecto mutuo e moito compromiso compartido», sinalou Ánxeles Cuña na presentación do espectáculo en Ourense. A directora ourensá destacou de Roland Schimmelpfennig a súa maneira de narrar e de crear: «É un home que deixa moi aberta a escena a outra forma de sentir, de expresar e de ver».
Trátase dunha peza, sinalaron, cun ritmo moi trepidante, una obra que engaiola, sorprende e que pasa por moitas emocións. Acompaña o texto a música orixinal de Vadim Yukhnevich, un ingrediente necesario do que se narra sobre o escenario. «Crea un campo sonoro extraordinario. É unha partitura linda, famosa e potente», destacou Cuña.
O grande incêndio fala de desastres culturais e naturais, das desigualdades e das inxustizas. «Non é o papel do teatro cambiar o mundo. Pero ten palabras que ofrecer, aínda máis necesarias cando o medo e a barbarie se naturalizan», sinala Pedro Rodrigues, da Escola da Noite.
O texto é unha fábula sobre dúas vilas situadas no val xunto a un regato e separadas por unha ponte. Dunha banda, medran as vides e, pola outra, pacen bois, vacas, cabalos e ovellas. De súpeto, suceden diferentes acontecementos naturais que afectan só a unha desas poboacións, mentres que a outra entra nun período de prosperidade económica. Na obra mestúrase o real coa fantasía para apalpar a desigualdade entre ricos e pobres, unha distancia física e emocional que vai medrando segundo avanza a trama.
Ao encontro de presentación da montaxe acudiu Jacobo Sutil, director da Agadic (Axencia Galega das Industrias Culturais da Xunta). Celebrou o formato compartido deste novo proxecto, xa que, segundo indicou, hai poucas coproducións con Portugal de compañías privadas. Destacou a relación que Galicia ten con Coímbra no ámbito da cultura, con proxectos comúns como a Mostra de Teatro Galego, que se celebra na cidade lusa. O grande incêndio permanecerá no escenario ourensán ata o venres.