O Club de la Estampa de Buenos Aires instálase na Fundación Laxeiro de Vigo

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Oscar Vázquez

Acolle obras de 23 gravadores arxentinos, do artista dezao e de Luis Seoane

19 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«Salvo Laxeiro, o resto dos artistas participantes son arxentinos, xa que alá tamén consideran compatriota, para todos os efectos, a Luis Seoane», sinala Javier Pérez Buján, comisario da exposición Litografías. Club de la estampa 1968, inaugurada onte e que se pode ver na sede viguesa da Fundación Laxeiro ata o próximo 21 de setembro. O vínculo entre o artista de Lalín e os gravadores bonaerenses fraguouse durante o seu exilio no país austral. Lembra o coordinador da mostra a graza que lle provocaba a José Otero Abeledo, Laxeiro, o debate vixente naquel club entre os creadores partidarios da figuración e quen optaba pola abstracción. «Eran discusións acaloradas», engade Pérez Buján, que tamén é director artístico da Fundación Laxeiro.

O artista Albino Fernández, descendente de galegos, foi o impulsor do Club de la Estampa de Buenos Aires, constituído en 1966. Esta asociación marcouse como obxectivo dignificar unha técnica artística que, segundo consideraban, democratizaba a arte. As súas principais figuras foron Adolfo Bellocq (1899-1972), Pompeyo Audivert (1931-1998) e Víctor Rebuffo (1903-1983). En 1968, dous anos despois da súa fundación, o club organizou a Primeira Bienal Internacional de Gravado na Art Gallery International de Buenos Aires, galería que, en 1970, organizou unha retrospectiva de Laxeiro, como colofón ao período arxentino do pintor.

As obras que penden das paredes da Fundación Laxeiro forman parte dun cartafol de litografías asinadas por vinte e tres artistas arxentinos, Laxeiro e Luis Seoane, publicado en Buenos Aires en 1968, xunto a un texto do artista e crítico de arte Leonardo Estarico, no que, baixo o título Variaciones sobre el grabado, percorre os procesos de creación da imaxe, desde a prehistoria ata chegar ás artes gráficas e, concretamente, á técnica litográfica.

Oscar Vázquez

Segundo explica o comisario, o cartafol obxecto da exposición agrupa diferentes rexistros do neoexpresionismo arxentino de finais dos anos sesenta. «No seu conxunto, contextualiza o ambiente artístico no que Laxeiro se movía naquela época, na que o pintor gozaba dunha integración plena no sistema arxentino da arte», afirma Pérez Buján.

A mostra recolle, ademais da obra de Laxeiro e Seoane, as creacións de Carlos Alonso, Eduardo Audivert, Libero Badii, Luis Oreste Balduzzi, Luis Barragán, Adolfo Bellocq, Juan Bordalejo, Carlos Cañas, Héctor A. Capurro, Juan Carlos Castagnino, Carlos da Mota, Alfredo de Vicenzo, Albino Fernández, Roberto González, Horacio Juárez, Naum Knop, Aurelio Macchi, José Manuel Moraña, Norberto Onofrio, Antonio Pujía, José Rueda, Abel Bruno Bersacci e Daniel Zelaya. Tan só dous viven, Carlos Alonso, de 95 anos, e Juan Bordalejo, de 83.

A fundación está no terceiro andar da Casa das Artes de Vigo, na rúa de Policarpo Sanz, 15.