Piñeiro e Castelao

CULTURA

Ramón Piñeiro, lendo o seu discurso de ingreso na RAG (1967).
Ramón Piñeiro, lendo o seu discurso de ingreso na RAG (1967). RAG | Arquivo Castro-Paris

20 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai un texto de Ramón Piñeiro sobre Castelao (de 18 páxinas), escrito e publicado antes da morte de Franco, que asombra pola súa agudeza e pola sutil formulación con que foi redactado nun tempo tan censorio. Trátase da conferencia Lembrando a Castelao, lida en Pontevedra, na asociación Amigos da Cultura, o 7 de xaneiro de 1975, xusto 25 anos despois do pasamento, no exilio de Bos Aires, «do noso Daniel», que así lle chama o conferenciante no epifonema final da disertación. Tal conferencia foi publicada, un ano despois (editorial Sept), en edición tetralingüe (galego, castelán, catalán e éuscaro). Teño noticias certas de que este volume vai ser reeditado axiña en Ribadeo, polo selo Editorial, cunha novidade, será en edición hexalingüe, pois esta nova aparición engade a versión portuguesa e mais a inglesa.

Na súa conferencia do 7 de xaneiro de 1975 (case once meses antes da morte de Franco), Piñeiro non fala da República, nin do Consello de Galiza fundado por Castelao no exilio, nin da súa viaxe á Unión Soviética en 1938..., noticias vitandas daquela. Aínda así, cunha extraordinaria pericia intelectual e estilística define o esencial «do noso Daniel» como cidadán, artista e escritor. A non poucos lectores de hoxe sorprenderán estas palabras de Ramón Piñeiro, referidas, basicamente, ao debuxante a partir de 1915: «... a Galicia verdadeira era a que vivía oprimida e abafada polo caciquismo amparado na Administración, pola presión económica dos señores e pola esmagadora presión do fisco; era a que a Galicia urbana menosprezaba porque falaba galego». Noutro lugar, Piñeiro afirma: «A súa vida e o seu arte ligarían o seu destino persoal ao destino colectivo da Galicia popular».

En efecto, non poucos atoparán aquí expresións próximas ao marxismo, e o mesmo lle debeu parecer ao policía da brigada político-social asistente a aquel evento cultural por orde do gobernador civil. Ambos os dous, se tiñan boa información, sabían ben que Ramón Piñeiro non era comunistoide. O que non sei se sabían é que aquel intelectual, non marxista, lía os textos literarios e artísticos cos ollos moi abertos.