
A escritora e xornalista convertiuse, con só dúas novelas, nunha referente da literatura galega e agora adicaráselle o Día das Letras do 2026
20 jun 2025 . Actualizado a las 19:43 h.O domingo pasado o restaurante compostelán O Dezaseis estivo de aniversario. Celebrou trinta anos de historias agochadas en cada unha das fotos que colgan das paredes. Nunha desas imaxes, disfrazada cunha perruca loira, de rizos, está Begoña Caamaño, Bego, (O Calvario, en Vigo; outubro do 1964). Celebrando o Antroido. Entre amigos. Porque Begoña, que o domingo pasado tamén estivo moi presente na festa do Dezaseis, era xornalista, escritora xenial, «unha nena prodixio» que, como din os que a coñecían ben «sabía a letra de todas as cancións, aínda que cantaba fatal»..., pero sobre todo era unha amiga verdadeira, xenerosa, unha muller intensa cunha forza arrebatadora, unha feminista que loitou pola defensa da lingua galega, polos dereitos das mulleres e por cortar de raíz a lacra da violencia de xénero, unha muller rabuda que nunca dicía que non a saír á rúa para reivindicar o que era xusto.
E foi en Vigo, nunha escola preto da súa casa, onde esta «nena e muller prodixio» que escribiu dúas das obras máis sólidas, documentadas e reflexivas da literatura galega contemporánea —Circe ou o pracer do azul (2009) e Morgana en Esmelle (2012)— recibiu as súas primeiras clases de francés. A súa mestra daquela foi a tamén escritora e feminista María Xosé Queizán.
Moitos anos máis tarde, no 1986, despois de rematar a carreira de Maxisterio, dá o salto aos medios. Comeza a traballar na emisora Radio Noroeste, en Vigo, onde formou parte dos servizos informativos. E de aí, a finais dos oitenta, pasou a Radio Popular, da Cadea Cope, antes de mudar no 1989 á delegación viguesa da Radio Galega. Nunha entrevista telefónica, traballando dende alí, coñeceu a Moncho Díaz, de Fuxan os Ventos. Aquel foi o xerme dunha amizade que forxaron aínda máis no comedor do Dezaséis despois de que no 1992, Begoña se mudara á sede central da cadea en Santiago de Compostela.
Os que a coñeceron entón, debatindo e rindo baixo a parreira que cubría a mesa longa do fondo do comedor, saben ben que Bego sempre estaba en todo. Dirixiu programas como Andando a Terra, Club Cultura ou Expreso de Media Noite. Amais disto, foi correspondente da Axencia Galega de Noticias (AGN) e colaborou nos xornais El Sol, A Nosa Terra, Novas da Galiza e na revista Tempos. Pero tamén foi relatora no primeiro Congreso do Sindicato da Información de Galicia, no 1987, e foi presidenta do Comité Interempresas da CRTVG, onde loitou contra a manipulación informativa. Xa no novo século, marchou ao País Vasco unha tempada e alí aprendeu éuscaro antes de voltar a Galicia onde colaborou con publicacións como Festa da Palabra Silenciada, DeLiberadamente, A Sega ou a revista antimilitarista Ar, da que formou parte do consello de redacción. E como non, foi impulsora no 1997 da Asociación de Mulleres Galegas na Comunicación (Mugacom) na Facultade de Ciencias da Comunicación da USC.
A Begoña gustáballe traballar duro. Era moi esixente. Sábese só con ler as súas novelas, con ver todo ese traballo de documentación que hai detrás de Circe ou o pracer do azul e de Morgana en Esmelle. Di a cantante Uxía Senlle, a Marquesa, que «esas son obras dunha grande fondura nas que se lles da voz e protagonismo ás mulleres da mitoloxía». Porque ela era unha grande lectora, coñecedora dos mitos, amante da obra de Cunqueiro... Vese en Morgana. «Son obras —di Uxía— escritas dun xeito delicioso, cun vocabulario riquísimo que impulsa a nosa lingua, pero tamén son obras nas que ela, como boa xornalista, tamén invita á reflexión».
Todo ese esforzo viuse recoñecido co Premio Ánxel Casal ao mellor libro de ficción 2012 da Asociación Galega de Editores, o Premio da AELG á mellor obra de narrativa 2012, Premio da Crítica de narrativa galega da Asociación Española de Críticos Literarios 2012 e o Premio Losada Diéguez de creación literaria 2013 para a súa segunda novela, Morgana en Esmelle. Pero Begoña foi tamén a que escribiu, por exemplo, o limiar do libro-disco Rosalía Pequeniña, que inspirou a letra da canción do mesmo título.
E aínda que só escribiu dúas novelas, ambas publicadas por Galaxia, en realidade ían ser tres. Faltoulle Sherezade. Pero a enfermidade rouboulle o tempo. Durante os dous anos e pico que loitou contra o cancro, nunca estivo soa, nunca se rendeu. Soubo despedirse coa vitalidade de alguén que amaba vivir e que estará sempre. Como o domingo pasado. Susurrándolles ao ouvido a letra das cancións aos que estaban celebrando os trinta anos do Dezaseis.