
Celebro a decisión de dedicar o vindeiro Día das Letras á figura, e á obra, de Begoña Caamaño. Celébroo, non teño razón para ocultalo, como vigués do territorio do Calvario, espazo que compartimos probablemente sen nunca saber un do outro ata que aquela voz que un recoñecía da radio, sobre todo da radio pública de Galicia, publicou un libro, Circe ou o pracer do azul, e pouco despois Morgana en Esmelle. Circe foi a desculpa que usei para que se achegase a un club de lectura para o profesorado no IES Valadares. Ao pé do monte Galiñeiro, aquela tarde do 7 de maio do 2012, Begoña ofreceunos un discurso memorable sobre literatura, feminismo, educación e vida. Unha foto, tería que haber máis, que tirou un compañeiro retrátaa feliz e sorrinte e, francamente, esa é a memoria que atesouro dela. Case seguro que sería a que ela quixera que gardaramos. Alguén que adoptaba un lema que rezaba «canto máis felices sexan os demais, máis feliz serei eu» non deixa lugar a dúbidas do que latexaba canda ela.
Algún tempo despois descubrimos certas persoas comúns e, ao tempo, foi medrando un corrente de empatía común difícil de explicar e sostida nas palabras das súas obras que un sempre admirou, como tamén o seu compromiso social e a súa práctica xornalística. Noutro plano non agocho tampouco que admirei sempre esoutra esfera que pertence á súa personalidade como era a alegría e a relevancia dos afectos e da amizade. De feito, nun correo electrónico que milagrosamente conservo, no que celebraba un ano de vida tras o diagnóstico da súa enfermidade, subliñaba «a importancia infinita dos afectos e dos praceres gozosos da amizade».
Nos seus dous libros, só dous libros afirmará alguén, compéndiase parte do mellor das nosas letras de comezos de século XXI. Begoña Caamaño está aí, nesa prosa, tamén noutros moitos textos, e quen sabe se noutras pezas narrativas inéditas que o festivo ano vindeiro se darán a coñecer. Foi unha sorte lelos no seu día e coñecer á autora. Será tamén unha fortuna achegarse de novo ao que eses libros significan hoxe e, resulta absolutamente necesario, contribuír a divulgalos.