O premio Trasalba recoñece á Editorial Galaxia como «filla» de Ramón Otero Pedrayo

CULTURA

A entidade cultural cumprirá en xullo os 75 anos dende a súa fundación
30 jun 2025 . Actualizado a las 05:00 h.
Era o momento. A entrega do premio Trasalba, que outorga a Fundación Otero Pedrayo, non puido escoller mellor data para recoñecer a inmensa labor a prol das letras e a cultura galegas que leva facendo a Editorial Galaxia dende a súa creación. Neste 2025 cúmprense precisamente 75 anos dese momento. E non podía ser doutro xeito, porque a reunión fundacional do proxecto editorial estivo dirixida polo propio Ramón Otero Pedrayo e foi el tamén quen o presidiu ata o seu pasamento, en 1976. «Don Ramón Otero Pedrayo non tiña irmáns, non tiña sobriños, non tiña fillos, pero creou unha filla en 1950 á que lle puxeron de nome Galaxia. E o 2 de xullo de 1975, diante do notario Moure Mariño, facía o seu testamento no que lle deixaba [á súa filla] todo isto, o que era a súa casa e o entorno [o pazo de Trasalba]», lembrou Eduardo López Pereira, o presidente da Fundación Otero Pedrayo na apertura da cita.
Esa especial relación entre a editorial e o autor e político ourensán quedou plasmada na acta da concesión do premio, na que o padroado da fundación recoñece á editorial «todo o que ela ten significado na difusión da cultura galega e o papel que desenvolveu no renacer cultural e lingüístico en tempos difíciles e ata o momento actual». Tamén Víctor Fernández Freixanes e Xesús Alonso Montero falaron dese vencello entre a entidade premiada e Otero Pedrayo. O primeiro foi o encargado da laudatio da entidade galardoada que, por certo, el mesmo liderou entre os anos 2002 e 2016. Freixanes repasou algúns dos fitos da historia da empresa e defendeu que un dos principios fundacionais, converterse nun proxecto orientado ao futuro, segue sendo o motor da mesma. «O discurso de Galaxia constrúese sobre todo pensando nas novas xeracións, e este é un aspecto fundamental para comprender a razón da empresa», incidiu.
O encontro deste domingo serviu de marco á presentación da publicación Crear porvir. 75 anos de Editorial Galaxia, da que se encargou Xesús Alonso Montero, que aproveitou para reivindicar tamén a figura de Ramón Piñeiro, un dos cinco protagonistas do nacemento da editora en 1950.
Antón Vidal Andión, o actual presidente da editorial, foi o encargado de recoller o galardón —unha estatuíña que representa a figura de Otero Pedrayo e coñecida familiarmente como o Ramonciño, que é obra do escultor Buciños— e de trasladar o sentimento de gratitude. Subliñou a singularidade dun proxecto no que os impulsores optaron por crear unha sociedade mercantil para defender a cultura. «Galaxia, con 75 anos de historia, demostra que o nacionalismo e o galeguismo teñen espazos para o encontro», dixo Vidal.
Esta edición do premio Trasalba foi a primeira ocasión na que Henrique Monteagudo asumiu a presidencia honorífica da Fundación Otero Pedrayo, cargo que lle corresponde por estar á fronte da Real Academia Galega.