
O selo Luscofusco e o fillo do escritor presentaron este martes en Vigo o novo libro
09 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Adeus, horas de dor / nas seráns que pasaban coma ríos / Atrás ficou a arca dos soños». Así remata Celso Emilio Ferreiro o poema Sísifo. «Unha despedida que o meu pai deixou escrita tres meses antes de morrer. É un texto no que eu sinto que nos fala directamente a nós e que penso que foi o último que escribiu», explica Xabier Ferreiro, fillo de Celso Emilio. Leva anos e anos mergullado na obra inédita do seu pai para recuperar unha escolma de textos que quedaron sen publicar. Deste xeito naceu O cabronario (Editorial Elvira, 2024) e a recente Pido unha patria ao mundo (Luscofusco Edicións, xullo 2025). O primeiro libro recolle «versos máis enfadados de Celso Emilio» e este afonda «nas súas inquietudes cun texto máis intimista», continúa o editor da publicación, Xabier Romero.
Os versos de Sísifo fan que este libro sexa «moi especial», incide Xabier Ferreiro, que engade que o lector destes poemas vai afondar no que xa tratara na súa Longa noite de pedra, «polo que o podemos ver como unha continuidade desta obra», detalla o fillo do escritor. O título tampouco é casual, é o que Ferreiro utilizou para dar forma ao seu poema Pido unha patria ao mundo, «no que podemos entender a súa forma de sentir Galicia e tamén como sufría estar lonxe dela», continúa o editor. Neste poema, e na obra en xeral, o escritor «clama por unha patria que non chega, unha procura que transcende o ámbito político para converterse nunha reflexión existencial e literaria. A patria, presentada como un ideal inalcanzable, mestúrase cunha visión desencantada do mundo e cunha fonda necesidade de identidade e pertenza», subliña Romero. Celso Emilio Ferreiro tivo que exiliarse en Venezuela nos anos 60 e regresou a España en 1973.
A morte é outro dos eixes temáticos nestes corenta poemas de Celso Emilio Ferreiro. «Podemos entender como asume que tiña que marchar», argúe Romero. Son os últimos versos dun escritor que pasou os seus últimos anos de vida en Vigo, cidade na que, por certo, a editorial presentou o libro este martes cun acto na sede da asociación Évame Oroza.
«Os versos que están no libro non están editados. Están igual que os deixou Celso Emilio», aclara o editor. Todos foron atopados en bo estado: «E por sorte, a letra do meu pai era moi fácil de entender», di Xabier Ferreiro. Unha boa parte deles estaban nun libro de anotacións que o poeta tiña en Venezuela. Foi un agasallo dun amigo que traballa nunha imprenta e que, no seu tempo libre, compuña libros. O seu fillo insiste na fortuna de poder volver a un caderno que sobreviviu ao paso do tempo e ao salto oceánico do autor cando volveu a Galicia. O cabronario tamén naceu no país caribeño. Era unha continuación do libro Al César enano. «Tras aqueles doce poemas empezaba O cabronario, que é como el denominou este conxunto; pero quedaron gardados nun caixón», lembra Ferreiro.
Pido unha patria ao mundo inaugura, ademais, a colección Moraima, un proxecto editorial que recupera a obra inédita ou pouco coñecida de Celso Emilio Ferreiro no seo de edicións Lusco Fusco, o novo selo da casa Mundo Detrás do Marco, que se suma a Editorial Elvira e Fosfatina Edicións. «Queremos publicar todo o que quedou sen ver a luz do escritor», conclúen ambos.
«Queremos que estes libros sirvan para volver a un imprescindible da nosa literatura»
A colección Moraima nace do desexo de Xabier Ferreiro de recuperar toda a obra que o seu pai deixou nun caixón. Son os textos que quedaron en manuscritos, cadernos e papeis e que, pouco a pouco, el foi atopando. «Queremos que estes libros sirvan para volver a un escritor tan grande coma Celso Emilio», continúa Xabier Romero, que adianta que Pido unha patria ao mundo non será o último da colección. O seguinte será unha compilación de aforismos do poeta no que se xuntan sentenzas do autor que reflicten en gran medida o seu pensamento e a traxectoria.
«A publicación non só é un acto de rescate literario, senón tamén unha contribución esencial á memoria cultural galega e á revalorización dun dos poetas imprescindibles da nosa literatura. Deste xeito, o proxecto editorial non só recupera a voz de Celso Emilio Ferreiro, senón que tamén propón un diálogo entre o seu legado e as novas xeracións de lectores», sostén o editor.
Hai seis anos, houbo outro descubrimento de novos poemas do escritor de Celanova. Naquela ocasión, foi o Colexio de Procurados de Vigo, no que el estivo integrado na etapa anterior a marchar a Venezuela, quen deu conta dun achado literario. «En posesión da familia xa non queda máis material inédito, non sei se quedará algo fóra do noso ámbito, aínda que non digo que non quede nalgunha colección privada, pero nós non temos máis», aclaraba o ano pasado o fillo de Celso Emilio Ferreiro na presentación de O cabronario.