
O Museo Provincial de Lugo acolle a exposición «Azul inmenso Atlántico», na que o creador pontevedrés amosa o seu colorismo e a súa linguaxe transversal
14 jul 2025 . Actualizado a las 05:00 h.A finais dos anos oitenta, en Voz TV fixemos unha serie de cincuenta documentais para darmos a coñecer a personalidade e a obra doutros tantos artistas plásticos —pintores e escultores—, que a TVG incluíu na súa programación cultural, con éxito notable. Un dos artistas era o pintor Manolo Ruibal (Pontevedra, 1942), a quen eu descubrira pouco antes nunha exposición na Coruña no Kiosco Alfonso. Naqueles óleos, pasteis, ceras e acrílicos, todos figurativos pero cada vez máis simplificados nas formas, eu vin un debuxante intuitivo dunha audacia extraordinaria e un colorista de sensibilidade exquisita.
A redución de retratos e espidos femininos, de paisaxes complexas, de árbores senlleiras e de bodegóns con froitas a manchas ou liñas de cores con espazos en branco por medio, pareceume un alarde de orixinalidade e de sabedoría pictórica.
A proba definitiva de que estaba ante un creador especialmente dotado deuma un lenzo no que a mar embravecida entraba nun recanto da costa para bater cuns rochedos. Ollándoo, pensei que se eu tivese que levar aquela visión real ao lenzo, non sabería facelo. O primeiro e máis importante problema para min sería saber «que pintar e como». É probable que Manolo Ruibal tivese que resolver ese mesmo dilema, pero vendo o acerto e a sinxeleza con que o fixo, daba a impresión de que coñecía as respostas antes de coller os pinceis.
Desde entón vin outras exposicións de Manolo Ruibal, e todas me sorprenderon gratisimamente. A do Ruibal escultor, autor dos menhires en Compostela no Xacobeo 2004, produciume unha emoción estética que só sentira ante determinadas obras de artistas excepcionais. Porén, houbo unha que, por ser eu debuxante, me conmoveu especialmente: a dos deseños dunha fauna variada, en grande formato.
Ata ese día Manolo Ruibal fora para min un pintor fondamente lírico e colorista ao xeito de Matisse. Vía a súa obra e, inevitablemente, relacionábaa co xenio francés, pero cando me vin ante aquela regalía de andoriñas, peixes, cabalos, serpes… decateime de que Ruibal é un lírico e un colorista que pode seguir a Matisse, si; pero antes e por riba de calquera outra cousa é un artista esencialmente galego. Un artista internacional, universal, pero galego.
Conexión Uxío Novoneyra
Ao crítico literario Basilio Losada gustáballe relacionar poetas e ilustradores. Cando lle mostrei o catálogo de A fauna na obra de Ruibal, pregunteille con que poeta o identificaba, e respondeu sen dubidalo: «Con Uxío Novoneyra». E engadiu: «Son os debuxos que Uxío faría, se soubese». O mesmo pensaba eu. E pensabamos ben porque daquela os dous ignorabamos que en Manolo Ruibal hai un poeta apenas coñecido pero cunha obra moi persoal e excelente, polo que a obra plástica de Ruibal haina que relacionar e identificar coa do Ruibal escritor.
Fíxoo o crítico de arte Antón Castro, que o coñece como ninguén, na presentación da mostra que Ruibal exhibe no Museo Provincial de Lugo. Castro, tamén comisario da exposición, falou da evolución natural do artista e da sinceridade, da autenticidade, da súa obra: «Máis aló dun autodidactismo obsesivo pola aprendizaxe, que ten puntos de referencia iniciais no Museo do Prado e nos grandes museos españois e europeos tanto como naqueles artistas que sempre lle interesaron, Ruibal foi completando o seu periplo proxectual ao ritmo das xeografías que ía percorrendo polo mundo, que definirán, ao fin, a riqueza espiritual e cultural dunha linguaxe transversal que toca a pintura, o debuxo, a escultura, a instalación e a poesía».
«Un pausado poema visual»
E sobre a obra exposta, a máis recente e poética, di Castro: «Ruibal reforza no seu proceso creativo unha mirada emocional que centra na súa percepción da natureza tanto como na sensibilidade agarimosa da cor, e faino a través da observación e da imaxinación, para devolver a pintura a un ineludible estado da alma: unha paisaxe que, ao xeito dos clásicos románticos, redefine o tránsito da luz e o paso do tempo como estadías dun pausado poema visual».
É así, e eu na pintura liviá dos cadros de Manolo Ruibal vexo, ou tal vez sinto, versos do poema que dá título á mostra Azul inmenso Atlántico.