
No beatus anterior contaba que, na primavera de 1950, eu quedara engaiolado, en Madrid, pola oratoria académica de don Ramón Otero Pedrayo, a quen nunca oíra nin vira antes daquel acto, a súa oposición á cátedra de Xeografía da universidade de Santiago. Desde aquela data xurei para min ir a onde fose con tal de oír a don Ramón, nun acto público, en idioma galego, que eu nunca oíra nunha tribuna pública.
Case dous anos despois recibín a noticia de que o extra-ordinario orador disertaría en Vigo na nosa lingua e alá fun. Eu cursaba en Madrid cuarto de carreira (segundo de Filoloxía Románica) pero estaba no Ribeiro, na casa de meus pais, pasando as vacacións navideñas, e desde alí fun a Vigo o 29 de decembro de 1951 pois, ao día seguinte, ingresaba na Real Academia Galega, como membro numerario, o arquitecto Manuel Gómez Román, que fora secretario xeral do Partido Galeguista, cuxo discurso de ingreso na institución sería contestado, preceptivamente, por don Ramón. Todos os asistentes pensabamos que a alocución académica de Gómez Román (sobre arquitectura e arte) sería en galego, o mesmo que a resposta de Otero Pedrayo.
Ante a perplexidade de todos, don Manuel e don Ramón non leron os seus discursos, previamente escritos, en galego, e limitáronse a improvisar unhas breves alocucións en castelán. O que pasara ese 30 de decembro de 1951 foi que o gobernador civil de Pontevedra, o falanxista José Solís, telefonara ao presidente do casino, onde se celebraba o acto, advertíndolle que se ativese ás consecuencias se permitía que os oradores disertasen en galego. Quizais fun eu o principal damnificado, quizais o único mozo asistente ao acto; o resto, veteranos, xa oíran algunha vez en lingua galega, antes de 1936, a don Ramón Otero. Moitos anos despois, lin o seu texto manuscrito, que publiquei e que custodia a RAG desde 1951.
En canto ao pretor pontevedrés, José Solís, convén lembrar que fixo boa carreira política no franquismo: chegou a desempeñar dúas carteiras ministeriais. Algúns aínda recordarán un aturuxo que proferiu nun mitin de tema pedagóxico: «Menos latín y más deporte».