Morriña, soidades ou señardá: O léxico sobre o ser humano protagoniza o novo volume do Atlas Lingüístico Galego
CULTURA

A oitava entrega recolle máis de 3.600 variantes léxicas de arredor de 250 conceptos relacionados coas festas relixiosas e profanas, a educación, a música ou os xogos
01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.O Instituto da Lingua Galega (ILG) vén de publicar en colaboración coa Fundación Barrié e a Editora USC o Atlas Lingüístico Galego VIII. Léxico. O ser humano (III). Trátase do oitavo volume do Atlas Lingüístico Galego, unha obra de investigación sobre as variantes rexionais da lingua amplamente recoñecida no eido dos estudos europeos pola rigorosidade dos seus datos e a excelencia das súas visualizacións cartográficas.
O novo tomo, froito do traballo dos profesores Rosario Álvarez, Francisco Dubert e Xulio Sousa, está constituído por 280 mapas que dan conta das variedades léxicas do galego para 259 conceptos vinculados a educación, a música, os xogos, as actividades de lecer, a relixión, as festas relixiosas e profanas, os seres míticos, as características psicolóxicas do ser humano e a roupa e o seu coidado. Para cada un dos conceptos estudados ofrécese un mapa coa distribución das variantes léxicas e unha páxina de notas coa relación das expresións recollidas, os seus significados asociados e información complementaria anotada polos investigadores, como a vixencia das diferentes formas dialectais ou os matices de sentido.
Por exemplo, para o concepto de «tristeza causada pola nostalxia do fogar ou da familia» os investigadores recolleron tres variantes básicas —morriña, soidades e señardá— que mostran unha distribución bastante compacta; para a idea de «composición en verso que se canta» a variante máis frecuente é cántiga, que se rexistrou na maioría dos lugares estudados, mentres que cantiga é unha forma de uso común no sur da provincia de Pontevedra. En total, o volume recolle 3.695 variantes léxicas para os máis de 250 conceptos estudados.
O proxecto do Atlas Lingüístico Galego comezou nos anos setenta do século pasado, cando os filólogos Rosario Álvarez Blanco, Francisco Fernández Rei e Manuel González González realizaron unha serie de enquisas entre os anos 1974 e 1977 en 167 localidades co obxectivo de estudar as variacións xeolingüísticas do galego falado nas zonas rurais. Na actualidade, o atlas está enmarcado dentro da Biblioteca Filolóxica Galega, unha institución que xurdiu a finais dos anos noventa ao abeiro dun convenio entre o ILG e a Fundación Barrié que ten a fin de trasladar á sociedade obras relevantes de investigación filolóxica sobre a lingua galega pasada e presente.
Este proxecto de investigación é posible grazas ás axudas da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude e da Fundación Barrié. De feito, foi esta última a que publicou todos os volumes do atlas. Así, no ano 1990 apareceu o primeiro, dedicado á morfoloxía verbal; en 1995 publicouse o segundo, sobre a morfoloxía non verbal; en 1999 editouse o terceiro, dedicado a Fonética; o cuarto apareceu no 2003 baixo o titulo Léxico. Tempo atmosférico e cronolóxico; no 2006 viu a luz o quinto volume, o primeiro sobre o ser humano; no 2016 presentouse o sexto, co titulo Léxico. Terra, plantas e árbores; no 2021 apareceu o sétimo, tamén sobre o ser humano; e o oitavo volume, publicado esta semana, pecha a serie dos tres dedicados ao léxico sobre o home.