70 anos de vigoscopio

Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

01 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Antón Beiras García, o insigne oftalmólogo galego (1915-1968), é un dos cidadáns máis preclaros que residiu en Vigo. Nado en Compostela, a súa biografía de científico desenvolveuse na nosa cidade desde 1950, ano no que el e a súa muller, a pedagoga Antía Cal, fixaron aquí o seu domicilio e o escenario dos seus traballos e dos seus días. Ao doutor Beiras débelle Vigo —e o mundo enteiro- a invención dun instrumento que el denominou vigoscopio (neoloxismo galaico-helénico da súa creación).

Tratábase dun orixinal enxeño tecnolóxico —un sinoptóforo en televisión— para curar o estrabismo —a visión dos besgos, dos birollos— sen fármacos nin intervencións cirúrxicas. Nacera con tal característica un dos seus catro fillos, Antía.

Quen queira coñecer polo miúdo a biografía científica do doutor Beiras, e tamén a difícil biografía do vigoscopio, terá que ler un libro admirable e devoto de Alejandro

Otero Davila titulado Antón Beiras. La mirada certera. Historia del vigoscopio (Caixanova/Galaxia, 2009). Está prologado por dous eminentes oftalmólogos: Fernando Gómez de Liaño (Para ver había que utilizar las manos) e Manuel Sánchez Salorio (Antón Beiras en la memoria y en el corazón).

O meticuloso autor, Alejandro Otero, xa era un prodixioso autodidacta en saberes electrónicos no ano 1963 cando, facendo o servizo militar na ETEA (Vigo), os fadairos da historia decidiron que a súa vida se cruzase, moi intensamente, coa daquel semiquixotesco investigador in partibus infidelium durante cinco anos. Alejandro Otero, aínda hoxe baixo o fulgor ético e científico do doutor Beiras, seguiu colaborando no vigoscopio e, nos últimos tempos, converteuse no seu rigoroso cronista e propagandista.

A vida profesional do doutor Beiras está ateigada de episodios memorables, un de 1957, o ano no que, na Academia médica, pronunciou (en galego!) a conferencia Ensaios para mellorar os resultados terapéuticos no estrabismo, que publicou a revista Referata, desta institución. Nunca, nin antes do 36, unha tribuna acollera un tema científico en lingua galega. A idea central databa de 1955, hai 70 anos.