Xan de Ventraces, xa de mozo novo, era un home tan ruín coma a grama cando inza nas viñas. Xan de Ventraces, ademais de ruín e mal home, era un perigoso e eficaz calumniador, con bulos que preludian os que hoxe se contan en Parlamentos, Congresos, púlpitos e xornais. Xan de Ventraces, coa súa lingua viperina, lixou e aldraxou a honra de Rosa, aquela mociña de dezaseis anos «linda como un feitizo» e «limpa como un cristal», e fíxoo de tal xeito que Martiño, o devoto namorado da mociña, deu creto á infamia espallada entre as xentes da contorna e rompeu coa inocente e indefensa prometida. Nunca se vira namorada tan inxusta e tan duramente execrada!
Esta terrible e conmovente historia está contada por un escritor galego egrexio nun poema excelso que, na opinión de Otero Pedrayo, é «algo inmortal». Na historia tamén se conta que Martiño, moi crédulo e algo primitivo, ao decatarse de que fora a lingua de Xan de Ventraces a que inventara e espallara a infamia, mediu as súas forzas de home ofendido e xusticeiro e arrincoulle, en Soutoverde, a lingua, fonte do drama persoal e social de Rosa e causa de que os dous tenros namorados non concluísen, coa voda, a súa poética égloga.
Nos últimos días de xullo, en Madrid, dentro e fóra do Congreso, oíronse calumnias —merecentes de caloñas— que nos levan a pensar que o Parlamento da nación debería instituír algún tipo de recoñecemento para o orador parlamentario do mes máis falso, inicuo e caloñento. Tal recoñecemento, que non premio, estaría materializado nunha estatuíña de chumbo (non de ouro, nin de prata, nin de bronce) do difamador Xan de Ventraces, que non sería un Goya nin un Óscar nin cousa semellante. Sería a certificación institucional de que o tal orador ou tal oradora, no Parlamento (o templo da Palabra), en tal día, mes e ano, chegara a formulacións oratorias dignas do antagonista do excelso poema galego de 1877, dignas do protervo Xan de Ventraces, aquel niquitate.
É hora de lembrar a definición de orador sintetizada por Quintiliano: «Vir bonus dicendi peritus». Tense por orador, hoxe, quen non é «vir bonus», home bo?