Luz Pozo en xaponés

CULTURA

Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020).
Luz Pozo Garza (Ribadeo, 1922-A Coruña, 2020). Ángel Manso

22 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Hai poucos anos que nos deixou, case centenaria, a escritora Luz Pozo Garza (1922-2020), unha voz de poeta das máis singulares de Galicia desde Ánfora (1949), en castelán, a O paxaro na boca (1952). Penso que no ano do seu centenario, 2022, foi debidamente lembrada e homenaxeada, pero xa uns anos antes a peculiaridade da súa voz chegara, dalgún xeito, a Xapón, onde alertou a curiosidade do hispanista Shozo Nakanishi, xa daquela un galaicista, pois traducira libros de Rosalía de Castro, ou de tema rosaliano, como Vida secreta de Rosalía (1996), que foi tamén, con certas novidades, o discurso de ingreso de Luz Pozo na RAG.

Shozo Nakanishi ten feito varias viaxes a Galicia para visitar os lugares da memoria rosaliana. Debemos engadir que o tradutor xaponés visitou, en varias ocasións, na Coruña, a Luz Pozo, atraído, sen dúbida, pola música espiritual da súa obra e da súa persoa. Xa falecida a nosa escritora, el escolleu, para traducilo ao xaponés, o poemario Concerto de outono (1981), con tantas páxinas delicadas da súa musa existencial e social. É de xustiza subliñar que a versión xaponesa foi elaborada a partir da tradución castelá feita ad hoc pola profesora Olivia Rodríguez González, especialista na autora e a súa testamenteira.

Por certo, neste libro, o tradutor xaponés emprega o pseudónimo Mesao Kuwabará, non empregado, que eu saiba, en obras anteriores. Para os alleos, coma min, a lingua tan distinta e tan distante, recomendo o breve prólogo, en castelán, de Víctor Andresco, director do Instituto Cervantes de Tokio, políglota que tamén coñece o ruso, idioma do que ten traducido algúns dos seus clásicos.

Pagaría a pena ter noticia do éxito cualitativo e cuantitativo destas traducións xaponesas de libros galegos, e non só dos asinados polo señor Nakanishi, senón polo extraordinario galaicista Katekaku Asaka, autor de traducións de escritores en lingua galega, por quen, desde hai moitos anos, nas vacacións, ten intensos contactos persoais en Galicia con filólogos e poetas e tamén con xentes do común que aínda falan, máis ou menos, o galego enxebre de certas comarcas.