Sarabela Teatro estreará en Ourense unha adaptación de «A metamorfose»

Cándida Andaluz Corujo
cándida andaluz OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Os membros de Sarabela, nos ensaios para dar vida escénica ao emblemático relato de Kafka «A metamorfose». O próximo xoves, 4 de setembro, estréase no teatro Principal de Ourense.
Os membros de Sarabela, nos ensaios para dar vida escénica ao emblemático relato de Kafka «A metamorfose». O próximo xoves, 4 de setembro, estréase no teatro Principal de Ourense.

A versión escénica contemporánea do texto de Kafka, de Carlos Álvarez Ossorio, que tamén dirixe a peza, afonda na utilidade das persoas e na dimensión cómica da novela

30 ago 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A compañía ourensá Sarabela Teatro dá un salto na súa aposta por enfrontarse a novos retos, cunha versión escénica de A metamorfose, a célebre novela de Franz Kafka. Non é doado, como ben explicaron onte na presentación da estrea, dar vida a unha obra icónica, a un dos textos máis coñecidos e visitados en películas, libros, teatro e artes gráficas. A clave foi, dende que decidiron asumir o desafío, buscar a maneira de contar a historia de xeito persoal e dende unha perspectiva contemporánea.

Segundo o actor Fernando Dacosta, que dá vida a Gregor Samsa, o protagonista da obra, a compañía decidiu adaptar o relato de Kafka ao atopar nel unha problemática moderna: «Na sociedade actual as persoas temos que ser produtivas pero, que pasa cando deixamos de selo? Cando alguén que producía para unha familia, de pronto pasa a ser a persoa que necesita de todos os recursos, falamos de dependencia». Dende Sarabela Teatro explican que hai unha premonición en toda a obra de Kafka sobre os perigos que encerra o capitalismo: «O ser humano vale segundo produce, segundo aporta. Cando deixa de producir un beneficio deixa de ser considerado un ser humano e, polo tanto, podemos cousificalo, botalo ao lixo». E diso fala esta versión.

Un clásico universal

«Estamos diante dun clásico universal. Dalgún xeito todo o mundo ten unha idea do que é A metamorfose. O feito de pór isto en escena é, se cadra, o gran reto que vai por diante. Somos un grupo de actores e actrices no escenario que non só desenvolvemos un texto senón que temos que movernos moito», detallou Fernando Dacosta. Da importancia de combinar todos eses movementos sobre o escenario encargáronse Nuria Sotelo e Rut Balbís. E do espazo que axuda a crear a narrativa e a comunicar a mensaxe, Baltasar Patiño.

Sobre o escenario estarán Fina Calleja, Fernando Dacosta, Sabela Gago, Elena Seijo e Fernando González. Tras pór sobre a mesa o texto de Kafka, faltaba elixir á persoa que daría forma ao proxecto. Enseguida soou o nome de Carlos Álvarez Ossorio. O director capitanea esta viaxe que, na súa versión escénica, rescata a dimensión cómica e grotesca do texto que, ocasionalmente, desemboca no hilarante slapstick [pola vía da pantomima e o gag].

Álvarez Ossorio, que tamén acudiu á presentación da estrea, sinalou que enseguida aceptou o reto ao vir de Sarabela e ao tratarse dunha obra que sempre estivo presente nel. «Para min a montaxe é un dobre agasallo. Falamos dunha compañía icónica cun espírito de amor polo teatro, polo equipo e polo traballo común. Por outra parte, A metamorfose é un texto fascinante, non é teatral, e esixe investigar e pensar como adaptalo. Hai moitas interpretacións, con visións diferentes. Nós acoutámolo desde o punto de vista de como nos vemos a nós mesmos e de como nos ven os demais en función de se somos útiles ou non. E tamén exploramos no que pasa na familia que ten que afrontar esa traxedia, esta situación absurda, terrorífica e estraña que non deixa e ser paralela a cuestións moi cotiás de dependencia, enfermidade ou abandono», explicou Álvarez Ossorio.

«Unha montaña rusa»

O director destacou non só o traballo actoral, senón tamén o labor de todo o equipo que contribúe a dar forma a esta versión: «A transformación do personaxe cambia todo, ao espazo, á luz e ao resto dos actores. A obra muda todo o tempo, todo entra en metamorfose. Será moi divertida de ver. Hai momentos cómicos, absurdos, pero tamén emocionais. É coma unha viaxe nunha montaña rusa».

O Teatro Principal de Ourense acollerá a estrea de A metamorfose do 4 ao 6 de setembro, en función fixada ás 21.00 horas. A este espazo municipal, reformado durante este verán, acudiu tamén onte Jacobo Sutil. O responsable da Axencia Galega das Industrias Culturais —a Agadic, dependente da Xunta— acompañou ó equipo na presentación da obra e subliñou o reto enfrontado por Sarabela ao adaptar para a escena galega a historia de Gregor Samsa, que forma parte do imaxinario colectivo universal como protagonista da que é unha das novelas máis emblemáticas do pasado século XX.