Sobreviventes

Juan L. Blanco Valdés

CULTURA

Libro

01 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

No sector do libro, o chiste, con resaibos de humor negro, é coñecido: un comercial que se presenta diante dun eventual cliente: «Ola, son vendedor de libros», ao que este lle repón: «Non, grazas, xa teño un». Dando por feito que, sendo vostede asiduo das páxinas de cultura deste xornal, ten máis dun libro, permítame ser un chisco impertinente: cantos libros ten vostede? Cincocentos? Mil? Máis de mil? E agora a pregunta do millón: cantos, de entre tantos, leu? Porque convirá vostede comigo en que o triste destino da maior parte dos libros é botar a vida amosando o lombo nun andel sen que ninguén lles faga maldito o caso, ou, cando menos, iso é que me pasa a min, que son un lector (ou, mellor, un relector) caótico, iconoclasta e pouco dado á mitomanía. Poderá vostede crer que (oh, anatema!) nunca fun quen de rematar o Quixote? Eu leo por arroutadas, sen sistema nin disciplina, dependendo do meu estado de ánimo, da hora do día, mesmo da climatoloxía; na mesa de noite podo ter ata cinco ou seis libros, a medio comezar ou a medio rematar, sen trazas de que acabe de comezar un nin rematar outro. Unha calorosa tarde de remates de xullo, buscando distraer o tedio que sobrevén a esa hora tontísima da sobremesa, paseaba a mirada polos andeis dunha das varias bibliotecas satélite da casa, cando reparei no lombo dun libro que, como moitos outros, levo anos vendo no mesmo sitio. Un certo remorso incitoume a salvarlle a vida e ceibalo dun esquecemento tan prolongado. É o caso que foi unha amiga chilena quen me emprestou o libro de marras, gabando moito a feitura e o autor. Hai disto ben anos, do cal se deducen dúas cousas, igualmente graves: 1) non devolvín o libro á súa autora e 2) non lin o libro. Decidido a poñer remedio a unha situación tan bochornosa, fixen de contado propósito de 1) ler o libro e 2) unha vez lido, restituílo á súa lexítima propietaria. Vou pola páxina 60 e o libro ten máis de mil. O seu título é un número, 2666, e o seu autor (chileno, ao igual que a miña amiga prestamista) Roberto Bolaño. Leuno vostede? Nun xantar recente, outro amigo, moi culto e pouco dado a hipérboles, aseguroume que é a mellor novela en español do século XX. Con estes vimbios, malo será que non a remate.