Manuel Luís Acuña

Xesús Alonso Montero
Xesús Alonso Montero BEATUS QUI LEGIT

CULTURA

O poeta Manuel Luís Acuña (Sobrado, A Pobra de Trives, 1900-Ourense, 1975).
O poeta Manuel Luís Acuña (Sobrado, A Pobra de Trives, 1900-Ourense, 1975).

05 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

Manuel Luís Acuña é outro importante home de letras ourensán que, no presente ano, hai cincuenta que nos deixou. Infelizmente, xa é moi pouco coñecido e os eruditos non teñen sido moi xenerosos con el, autor dun libro de poemas, Fírgoas (1933), que honra as musas vangardistas galegas da Preguerra. Alguén tan erudito como Antonio Couceiro Freijomil, no seu Diccionario biobibliográfico (1951), despáchao con estas dúas liñas: «Maestro nacional, natural de la provincia de Orense. Publicó Fírgoas (Santiago, 1933). Se le premió una de las composiciones en un certamen de Orense». Era —fora— mestre nacional, nado en Sobrado da Pobra de Trives (Ourense), e publicara, ademais do excelente poemario, textos varios en distintos medios, tamén en ATEO (Asociación de Trabajadores de la Enseñanza de Orense).

Suspendido de emprego e soldo en 1936, viviu coas dificultades e os temores propios daquela situación. Os temores, no seu caso, tiñan a fasquía do terror, pois, como outros represaliados, chegou a pensar que despois de que lle roubaran a profesión e o soldo, podían arrebatarlle un ben moi superior, o da vida.

Por iso, escribiu uns versos antagónicos, en 1938, en Misión. Revista quincenal de la parroquia y la escuela, que asinou coa sigla MLA. Eran tres poemas baixo o rubro Recitaciones escolares, título esperable da musa dun mestre. O primeiro da triloxía ostenta un título bisílabo de seis letras que me resisto a transcribir, e no segundo, Plegaria de invierno, hai versos coma estes: «Ruega por nós, / Santa Madre de Dios. / Por los que tienen frío; / por los que tienen miedo». En efecto, esa triloxía está escrita polas musas do medo, e así o expliquei nun vello traballo meu. Tamén Celso Emilio Ferreiro, polas mesmas datas, compuxera, asinara e publicara un romance a Franco, moi coñecido.

Só vin unha vez a don Manuel Luís Acuña, en Ourense, nunha conferencia miña sobre Rosalía de Castro, en data moi especial (maio de 1963), a do Día das Letras Galegas dedicado á Cantora. Percibín, cando mo presentou don Albino Núñez, outro mestre represaliado, a súa emoción e as súas vellas lealdades.