
O grupo ourensán recolleu o galardón Celanova, Casa dos Poetas
08 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Corenta e cinco anos de traballo a prol do teatro en Ourense e Galicia. Un teatro feito no país e en galego. Un labor realizado desde «a veracidade, a honestidade e a autenticidade». Foron estes algúns dos argumentos que levaron ao xurado a elixir a Sarabela como merecedora do premio Celanova, Casa dos Poetas, impulsado pola Fundación Curros Enríquez e que fai 41 edicións.
«Sarabela leva 45 anos mantendo un compromiso irrenunciable e tenaz cos principais autores do teatro e da literatura galega e, polo tanto, coa nosa lingua e co noso eu antropolóxico, pero sen renunciar por iso a levar a escena tamén os grandes clásicos da literatura universal e mesmo a explorar obras propias», continuaba a acta do xurado. E, tal e como recordou Alfonso Cid na laudatio do premio, Sarabela usa desde os inicios as mesmas ferramentas: «Constancia, compromiso infatigable, disciplina férrea e unha ética de traballo que converte cada produción nun acto de responsabilidade cultural».
Sarabela é, dixo, peza fundamental para entender a historia recente do teatro galego; mais a súa tarefa non só se reduce ás montaxes, senón que traballa arreo na formación (coas escolas) e na pedagoxía, achegando o teatro aos cativos con iniciativas como MOTI, divulgando o que se fai no teatro universitario coa MITEU e reunindo o máis novo da escena no FITO. Todo sen apoio do Concello de Ourense. Cid cualificou o goberno de Pérez Jácome de negacionista cultural. Só así se explica, dixo, «que Sarabela pasase de ser a compañía residente do auditorio municipal a ser a compañía resiliente da cidade».
«Tomamos este recoñecemento coma pulo e desafío —replicou a directora da compañía, Ánxeles Cuña— para [entre outras] seguir sendo testemuñas comprometidas coa época convulsa de emerxencia que nos toca vivir [...], para seguir crendo que un mundo mellor, máis humanizado, con máis empatía e máis igualitario, é posible, [...] para seguir defendendo, como Curros, a nosa lingua». Non faltaron as referencias aos lumes que asolaron o país ou ao xenocidio de Gaza.