Josep Borrell e Luis Tosar, candidatos ao premio á concordia do Casino santiagués

La Voz SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

<span lang= gl >O Casino de Santiago presentou as actividades para o que resta de ano</span>
O Casino de Santiago presentou as actividades para o que resta de ano XOAN A. SOLER

O Casino elixiunos finalistas polo seu compromiso contra «o xenocidio» en Gaza

13 sep 2025 . Actualizado a las 04:55 h.

O político Josep Borrell e o actor Luis Tosar son os candidatos a suceder á filósofa Adela Cortina e ao alcalde de Xenebra de orixe galega, Alfonso Gómez, como gañadores do premio Lorca, Guerra da Cal, Blanco Amor ao diálogo e á concordia impulsado pola Asociación Cultural Casino de Santiago. Se na cuarta edición da convocatoria á hora de seleccionar os finalistas a organización tivera en conta o modo de afrontar a pobreza e a exclusión social, nesta quinta entrega puxeron o foco na súa postura respecto á situación que se está vivindo en Gaza. «Os dous amosaron o seu compromiso contra o xenocidio que se está cometendo», apuntou o presidente do Casino, Ubaldo Rueda, lembrando tamén o posicionamento do colectivo neste mesmo sentido.

Certame Novela Europea

Se no caso do premio á concordia o Casino aínda abriu agora edición co anuncio dos finalistas, no caso do premio Novela Europea xa está pechada a data de entrega dos galardóns da súa 18.ª edición. O vindeiro día 29 de outubro a escritora francesa Delphine de Vigan e o autor alemán Bernhard Schlink recibirán en Santiago o galardón que ten como singularidade que está outorgado polo voto dos lectores da cidade e doutros puntos tanto de Galicia como a nivel de España e internacional. O día anterior, o 28, a autora de Los reyes de la casa e o escritor de La nieta participarán nun encontro cos lectores.

O Casino retoma a actividade con Gaza e Ucraína na cerna do debate

 

 

O Casino de Santiago iniciará o día 17 a programación da recta final do 2025 cun novo encontro do ciclo «Pensar Europa, pensar o mundo desde Compostela». Regresará Jesús Núñez Villaverde, que xa estivera en abril, para abordar a situación de Palestina e Ucraína, «dúas probas decisivas para o futuro da Unión Europea». A cita será as 19 horas no propio Casino.

O día 30 de setembro, Jesús Ruíz Mantilla presentará o libro «Franco y yo», que tamén elixiron como Libro do Mes.

Esta aposta pola reflexión pensando desde «o local para ir cara ao universal» foi destacada polo secretario xeral da Lingua, Valentín García. Tamén loaron a iniciativa a tenente de alcaldesa María Rozas e a concelleira Mercedes Rosón, así como o director do instituto Pontepedriña, Javier Dapena. Este último resaltou que os centros son lugares para crear espírito crítico de aí a importancia de iniciativas coma os Encontros de Reflexión e Pensamento, que tamén impulsa o Casino.