Cae unha cornixa na actuación de Caamaño & Ameixeiras en Córcega: «Rompemos a catedral»
CULTURA
O dúo musical galego, convidado a un festival de cantos polifónicos, rematou o seu concerto no exterior do templo. Os restos impactaron no único asento que estaba baleiro. «O máis chamativo é que estabamos tocando temas sobre ritos moi espirituais», din as músicas
20 sep 2025 . Actualizado a las 13:19 h.Paseniñamente, o dúo de folk galego Caamaño & Ameixeiras, fíxose un oco na escea musical. O acordeón de Sabela Caamaño, compenetrado coa voz e o violín de Antía Ameixeiras, xa produciu dous discos Aire! (2021) e Quitar o aire (2023). Acompañados estes traballos nos últimos anos dunha chea de actuacións en directo, a máis recente como convidadas do prestixioso festival de cantos polifónicos de Calvi, en Córcega. As músicas de Oza dos Ríos e de Baio, tiñan programada a súa actuación no templo de San Xoán Bautista. A coñecida popularmente coma catedral de Calvi, de orixe medieval, semellaba o lugar ideal para presentar os temas do seu album máis recente, no que as letras se achegan a ritos relixiosos e crenzas populares. «Un ambiente moi místico e íntimo», confesa ao outro lado do fío telefónico a baiesa Ameixeiras.
O recinto corso estaba cheo para escoitar as intérpretes galegas, e cando xa soaba a Xota de vente comigo, aquilo ocorreu. Un anaco da cornixa do templo desprendeuse e, como cousa de encantamento, caeu no único asento que estaba baleiro. «Moi forte o que nos pasou hoxe», compartiron elas a imaxe cos seus seguidores no perfil oficial do dúo en Instagram.
«Nese tema falamos da maxia erótica e da menstruación. Falamos de como facer un amarre amor meténdolle sangue menstrual na copa de viño da persoa que queres que se namore de ti. E xusto cando estábamos tocando a canción da regla: pum!. Paramos co susto», conta a modo de diario de viaxe a violinista. «Quedamos petrificadas, non sabiamos se había feridos ou non. En shock. Logo confirmamos que non había feridos», engaden sobre o que pasou.
Vivíronse momentos de tensión e tamén, un milagre: «todos os billetes estaban vendidos e a cornixa caeu estampándose nunha cadeira que en cadanseu lado habitaba unha muller, intactas as dúas e petrificadas polo susto. A única cadeira libre no recinto quedou fendida ao medio». Unha das cousas que a Caamaño e Ameixeiras máis lle chamou a atención foi a frase que lles soltou unha das mulleres que asistiron o seu concerto: «Chamáchedes polo demo, e o demo veu». «Díxonos que chamaramos polo demo no lugar sagrado. "Pero o demo está con vós, non está contra vós". Por iso non pasou nada. Colleunos as mans e sacounos o demo de dentro», rememoran ríndose agora da situación á que se enfrotaron na tarde do xoves.
No exterior, unha das súas actuacións máis especiais
No currículo destas aínda novas artistas, pero xa consagradas na música tradicional, hai actuacións en recintos icónicos galegos como a praza da Quintana en Compostela. Tamén ofreceron xa o seu repertorio na Carballeira de Zas. Pero sen dúbida un sempre lembrarán o seu paso por este festival francés. O seu concerto non se suspendeu. Aínda que por motivos de seguridade tivo que pecharse a catedral de Calvi, algo que nunca sucedera nas últimas catro décadas de historia da mostra de cantos polifónicos corsos, elas seguiron tocando no exterior.
«Conseguimos cambiar a enerxía que quedara bastante rara. E foi moi especial acabalo así, en acústico, con todo o mundo moi calado e moi atento para escoitarnos», sinalan sobre como resolveron de maneira improvisada pero moi fermosa o incidente. «A illa de Córcega nos resultou moi máxica, coa súa música super vinculada tamén a relixiosidade popular e que quedamos tremendamente namoradas da polifonía corsa e da xente tan amorosa». conclúen.