Galaxia publica unha escolma política de «Sempre en Galiza»

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

O libro foi presentado na Casa Galega da Cultura, en Vigo.
O libro foi presentado na Casa Galega da Cultura, en Vigo. Xoán Carlos Gil

O filólogo e presidente da Real Academia, Henrique Monteagudo, que preparou a edición, quere facilitar aos lectores de hoxe o acceso ao libro de Castelao

25 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«O libro ofrece un acceso desbrozado ao pensamento político de Castelao», sinala Henrique Monteagudo para referirse a Sempre en Galiza. Escolma posible, publicación presentada este mércores en Vigo por Galaxia dentro da colección conmemorativa do seu 75.º aniversario. Nun principio, a decana das editoriais galegas tiña previsto reproducir Escolma posible, edición dirixida por Marino Dónega en 1964, ano no que a Real Academia Galega dedicou o Día das Letras a Alfonso Daniel Rodríguez Castelao, e encargoulle a Henrique Monteagudo, especialista na figura do pensador rianxeiro, a preparación do libro.

O hoxe presidente da Real Academia Galega decatouse de que, debido a censura franquista da época, aquel libro só ofrecía a faciana literaria de Castelao, pero excluía a súa faceta política. «Poñer hoxe en día no mercado unha antoloxía literaria de Castelao non tiña moito sentido porque as súas obras son hipercoñecidas», apunta. Monteagudo considerou máis interesante afrontar unha escolma política porque «a edición orixinal de Castelao [de Sempre en Galiza] é moi grande e ten contidos moi difíciles de entender para un lector que non sexa especialista».

Coa idea de facer máis accesible o ideario do pai do nacionalismo galego para os lectores do século XXI, Henrique Monteagudo tratou de facer unha revisión ordenada dun libro que foi escrito de xeito independente en distintos momentos cronolóxicos e circunstancias diversas, como foron o desterro republicano, a Guerra Civil ou o exilio americano. «Tentei escoller textos representativos de cada unha das partes, que permitisen unha lectura lineal, non complicada, para evitar o labirinto que ten o libro orixinal, aínda que sen disfrazar a complexidade propia da obra», explica o editor, recalcando que non pretende agochar o orixinal, senón facelo máis transitable para un lector medio actual.

O libro conta cunha introdución feita polo filólogo Xosé Manuel Dasilva. Henrique Monteagudo, cando comezou o traballo, decatouse de que a edición realizada en 1964 por Marino Dónega estivo moi marcada polo acoso franquista. Para contextualizar aquel feito e o ambiente que rodeada á cultura galega durante os anos escuros, Monteagudo encargoulle a Dasilva o estudo do expediente de censura do libro de Dónega. «Fixo un traballo magnífico. Vas vendo como a censura devolveu o libro en varias ocasións», detalla. De feito, Galaxia tiña previsto publicar aquela primeira Escolma posible para o Día das Letras de 1964, pero debido á acción do aparato do réxime non foi posible poñela nas librerías ata o mes de outubro dese mesmo ano.

«É moi interesante para que isto o coñeza a xente nova, de como a censura franquista asfixiou a cultura galega moito tempo», conclúe o presidente da Real Academia Galega. Xunto a el, na presentación do libro participaron na Casa Galega da Cultura Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Abel Caballero, alcalde de Vigo; Patricia Arias Chachero, codirectora da Biblioteca 75.º Aniversario e conselleira de Galaxia; e o propio Dasilva.

Por outra banda, Galaxia publica estes días a reedición de Obras Castelao 1, volume que reúne toda a súa produción de ficción literaria: Un ollo de vidro, Cousas, Retrincos, Os dous de sempre e Os vellos non deben de namorarse.