Charo Pena, actriz e directora: «Cando fas dobraxe, o primeiro é non desvirtuar o que hai no orixinal»

Paula Pérez Ferreira
paula p. ferreira OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Charo Pena, no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense.
Charo Pena, no centro cultural Marcos Valcárcel de Ourense. Miguel Villar

A voz galega de Susan Sarandon e Meryl Streep, premiada no festival OUFF

27 sep 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

A carreira de Charo Pena nada tiña que ver co mundo da dobraxe de cine. De feito, rematou os estudos de Medicina, pero un anuncio no que pedían xente que soubese falar en galego e que tivese dotes de interpretación cambioulle o rumbo. A actriz e directora de dobraxe natural da Estrada é a galardoada na 30.ª edición do Festival de Cine de Ourense co premio Aisge (Artistas Intérpretes, Entidad de Gestión de Derechos de Propiedad Intelectual) pola súa traxectoria no cine, poñendo voz a artistas icónicas como Jane Fonda, Meryl Streep e Susan Sarandon, e coñecida polos máis cativos por interpretar a nai de Shin Chan.

—Como cambiou o labor dos actores de dobraxe nos últimos anos?

—No momento no que eu empecei, todo o mundo partía do mesmo sitio, que era o descoñecemento absoluto. Hoxe non. Cando fas un curso de dobraxe e queres aprender e integrarte con outras persoas, vas estar ao lado de xente que leva 10, 15, 20 anos traballando. Nese aspecto é máis complicado.

—Como foi a súa traxectoria como actriz e directora de dobraxe?

—Corenta anos de traballo non se poden resumir. Houbo altos, baixos, épocas duras, outras bonitas. Hai que aprender técnica, interpretación, fixarse moito nos mestres que tiñamos, que eran os mellores do mundo. Tes diante a Susan Sarandon, Meryl Streep, Emma Thompson... O único que podes facer é aprender do que elas fan e intentar que iso non se perda. Dende a mesa de dirección, o que fas é ser responsable do labor doutros compañeiros. Iso é moi bonito e importante; aprendes moito dos teus propios colegas, da estabilidade, e é outro modo de ver o teu propio traballo.

—Cales son os principais retos aos que se enfrontou como actriz de dobraxe?

—Cando fas dobraxe, o primeiro é sempre non desvirtuar o que hai no orixinal. Tes que ofrecer a mellor calidade a través do idioma no que estás dobrando, porque é o factor máis importante que temos.

—E como directora?

—O mesmo, pero hai que conseguilo con outras persoas. Axudarlles a que poidan dar o máximo que ten o texto, que as voces coincidan, que as expresións estean medidas e que todo cadre.

—Hai algún papel ou algunha película nos que traballase que lembre con especial cariño?

—Con A lista de Schindler chamábame moito a atención como pronunciaban distinto un mesmo apelido. Dábame moito que pensar e estiven investigando: cada un era dunha zona diferente de Polonia. Todo isto xérame moi bos recordos de aprender e desfrutar moito co traballo.

—Que consello lles daría ás persoas que se queren dedicar á dobraxe?

—Que se formen e se informen moi ben sobre quen lles vai axudar a empezar, quen lles vai ensinar a técnica de dobraxe e que posibilidades teñen a partir de aí. E despois intentar traballar o máximo posible.

Recoñecemento a toda unha vida dedicada á defensa do idioma

O 30.º OUFF quixo recoñecer a longa traxectoria de Charo Pena como actriz e directora de dobraxe co premio Aisge. Isabel Blanco, delegada en Galicia da fundación impulsora, gabou a importancia deste galardón, que, lembrou, ten detrás máis de vinte anos de colaboración co OUFF nos que axudou a visibilizar «traxectorias que sempre estiveron aí, pero que non tiveron o lugar que lles corresponde na cultura». Este recoñecemento personificouse no 2025 na figura de Pena, que destacou a relevancia de difundir o seu labor, así como tamén a defensa do galego. «Esta distinción é tamén para os meus compañeiros de dobraxe. Levamos corenta anos loitando, e este premio é unha homenaxe para toda a xente que estivo e está pelexando polo audiovisual feito en galego e de calidade», incidiu.

O futuro da profesión

Ao preguntarlle pola súa perspectiva da profesión de cara aos vindeiros anos no mundo da dobraxe en galego, Charo Pena dixo: «Se hai futuro para o idioma, haberá futuro para a dobraxe. Non teremos perdón como sociedade se deixamos que o galego morra». Ao longo dos seus corenta anos de carreira, tanto en galego coma en castelán, Pena sempre saíu na defensa da lingua propia, cunha loita incesante para garantir a súa supervivencia. «En Galicia temos un convenio do sector, igual ca noutros sitios, pero foi moi complicado conseguilo e trouxo moitos problemas», lamentou. E aí quixo deixar o asunto: «Eu só vou falar das cousas boas, que é o máis importante».