O funcionario «sensible» de Pontevedra que ordenando o arquivo atopou a declaración de herdeiros de Castelao: «Son afortunado, é un tesouro»

CULTURA

Tanto o xuiz como a letrada da Administración describiron a este traballador como un «fóra de serie» porque malia os miles de documentos que lle pasan polas mans en canto viu o apelido parou todo para comprobar se era do xenial escritor
16 oct 2025 . Actualizado a las 20:31 h.En agosto desde mesmo ano, aproveitando que nese mes non hai vistas, moitos funcionarios de auxilio xudicial (antigamente chamados axentes xudiciais) dedican o seu tempo a organizar e purgar os arquivos. É unha tarefa ardua nas que lles chegan a pasar polas mans miles de documentos. É difícil pararse neles. Moi difícil. Pero Pablo López Rivas, un vigués de 35 anos de idade que traballa no Xulgado de Primeira Instancia número 1 de Pontevedra fíxoo. Ser unha persoa «sensible» e un «fora de serie» como traballador, tal e como o definiron este xoves, reportoulle a el unha ledicia descomunal e, de paso, entregoulles aos galegos un cachiño de historia. Porque Pablo, ordenando o arquivo, atopou a declaración de herdeiros de Daniel Rodríguez Castelao, un dos galegos máis universais de todos os tempos. O documento foi entregado este xoves ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. E, no sinxelo acto celebrado para a ocasión, ninguén disimulou a emoción: «Son un afortunado, isto é un tesouro» sinalou o responsable do achado.
Pablo López, efectivamente, estaba purgando o arquivo este verán. Di a letrada da Administración do seu xulgado, Adriana Álvarez Gorgojo, que o habitual é que se saquen caixas enteiras de documentos. E que non sexa ata que chegan ao Arquivo Histórico Provincial cando se purgan polo miúdo a ver se aparece algo merecente de ser conservado de xeito especial. Neste caso non fixo falta. O citado funcionario contou que, en canto viu o apelido Castelao nun pequeno expediente de sete páxinas, algo se lle moveu dentro. «Pensei que podería ser de calquera Castelao pero por se acaso comprobeino». Foi entón cando descubriu que era un documento do célebre galeguista e a súa familia. Puxo o asunto en coñecemento do xulgado, cuxos responsables tamén amosaron sensibilidade total con este asunto, que trasladaron ao TSXG.
Púxose o mecanismo en marcha e, tras decretarse que este expediente tiña un «notorio interese histórico, social e cultural» decidiuse que se lle entregaría ao Arquivo Histórico Provincial de Pontevedra. E que se lle faría entrega del nun acto solemne como o que tivo lugar este xoves. Nel, a maiores do citado maxistrado, a letrada da Administración e o funcionario que atopou o documento, estivo tamén a directora do arquivo, Carmen Luisa Corgo Solleiro. Ela desfíxose en agradecementos e sinalou: «Se non fora pola sensibilidade que tiveron Pablo, Julio e Adriana non se podería conservar este expediente no arquivo».
¿De qué tipo de documento se trata? Certamente, é un expediente xudicial habitual e que ata podería ser considerado rutinario. A importancia do seu achado ten que ver co seu protagonista: «Calquera papel relacionado con Castelao ten interese», díxose. Neste caso, o expediente xurdiu porque Castelao morreu en Bos Aires o 7 de xaneiro de 1950 sen outorgar testamento. Entón, anos despois de falecer tamén a súa viúva, Virxinia Pereira, que morreu en 1969, as irmás do escritor presentaron, no ano 1972, unha demanda no xulgado de Pontevedra para que se declarase que elas eran as herdeiras dos seus bens.
Deste xeito, no expediente que apareceu, que data do 27 de abril de 1972, hai un auto no que o xulgado declara únicas herdeiras ás dúas irmás de Castelao, Josefina e Joaquina Teresa Rodríguez Castelao. Ao longo de sete páxinas, onde non figuran cales son os bens que herdan (nunca aparece neste tipo de documentos), recóllense as partidas de nacemento e defunción de Castelao e Virxinia, documentos identificativos das irmás e, tamén, a testemuña de varios avogados pontevedreses dando conta da relación do escritor coa familia.
¿Por que esta demanda se presentou en Pontevedra e non noutro lugar? A competencia territorial do xulgado viña dada porque a cidade do Lérez foi o último domicilio de Castelao en España. De feito, sábese que chegou á urbe pontevedresa en 1916, destinado ao Corpo Auxiliar de Estatística, e que permaneceu nela ata o seu exilio, en 1936. As súas irmás, as únicas parentes directas naquel momento, esperaron a que falecese a viúva, porque iso foi o que provocou que cesase a denominada «cota viúval»
Precisamente, demostrando que ademais de ser rigoroso no seu traballo ten unha especial admiración a Castelao, o funcionario Pablo López puxo de manifesto que este novo papel reflicte a relación do galeguista coa cidade de Pontevedra e concluíu: «Eu estou moi contento de que isto aparecese no ano no que estamos conmemorando o 75 aniversario da súa morte e de que aparecese aquí, en Pontevedra, a cidade na que el dixo que fora máis feliz. No que respecta a min, é unha satisfacción porque é unha figura próxima. Cando estudei Dereito en Madrid sempre levaba o libro de Sempre en Galiza debaixo do brazo para non sentir tanta morriña».