Seis bandas galegas tocarán fóra da comunidade co programa AIEenRuta

J.B. REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Cibrán (cantante de Boyanka Kostova) falando con Matías e Samuel (baixista e guitarrista deThe Rapants) no acto.
Cibrán (cantante de Boyanka Kostova) falando con Matías e Samuel (baixista e guitarrista deThe Rapants) no acto. PACO RODRÍGUEZ

The Rapants, Boyanka Kostova, Kyr4, Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures son os últimos seleccionados 

15 oct 2025 . Actualizado a las 19:27 h.

The Rapants, Boyanka Kostova e Kyr4, no que resta deste ano. E Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures, entre xaneiro e xuño de 2026. Eses son os seis grupos galegos que participan na programación de AIEnRuta, un programa promovido pola Sociedade de Artistas, Intérpretes ou Executantes (AIE) por salas de toda España. O obxectivo desta iniciativa é levar as formacións fóra da súa comunidade. Grazas ao convenio establecido entre AIE e a Xunta, os grupos galegos teñen a mesma representatividade que Madrid, Cataluña e País Vasco, ao contar coa súa propia cota e non depender exclusivamente das categorías xerais de norte e sur.

«Son conciertos que cuentan con una subvención de 1.200 euros que tienen que hacerse fuera de la comunidad», explicaba Gema Sánchez, coordinadora do circuíto: «Para un vasco que canta en euskera no es fácil a veces tocar en otros sitios de España. Para eso estamos nosotros». Na selección galega hai moitos casos de artistas que empregan o galego. «Se cantas nun idioma territorial ás veces é máis complicado tocar por aí e sempre vai cun risco. Isto é unha oportunidade de ir sobre seguro», argumentaba Cibrán de Boyanka Kostova. Co seu grupo estará en Sevilla, Murcia, Barcelona e Oviedo nas próximas semanas.

The Rapants ofreceu xa o primeiro dos seus concertos o pasado 19 de setembro en León. A continuación, a banda de Muros actuará en Barcelona, Valladolid e Madrid. A artista coruñesa de música urbana Kyr4 estará en Cáceres, Zaragoza, Zamora e Málaga. Eladio y Los Seres Queridos, Mad Martin Trio e De Ninghures saberán en breve a que cidades irán en 2026.

Ao mesmo tempo, o programa ten un retorno en Galicia. Desenvolveranse ata final de ano 15 actuacións de grupos doutras comunidades en oito salas galegas: A Pousada da Galiza Imaxinaria de Boiro, Garufa Club da Coruña, Clavicémbalo e Tebras de Lugo, Café Cultural Auriense de Ourense, A Casa das Crechas de Santiago de Compostela, e La Pecera e Radar Estudios de Vigo.

«O sector musical galego está nun gran momento, con bandas que empregan o galego, algo que para a Xunta é fundamental», expresou o director do Agadic, Jacobo Sutil, quen animou a outros artistas a sumarse a esta iniciativa para a próxima selección, que se fará en abril. Nese sentido, subliñou o papel deste circuíto como escaparate internacional. «As bandas seleccionadas poden beneficiarse dos acordos establecidos por AIE con estruturas tan relevantes como o Instituto Cervantes, AECID ou as plataformas Sounds from Spain e The Hispanic Wave, ademais de con medios de comunicación ou feiras profesionais do sector».