A escritora Antía Yáñez gaña o premio Raíña Lupa 2025 na modalidade infantil coa obra «Bragakadabra»

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

A escritora Antía Yáñez, gañadora do Raíña Lupa 2025 na modalidade infantil.
A escritora Antía Yáñez, gañadora do Raíña Lupa 2025 na modalidade infantil. MARCOS MÍGUEZ

O xurado do certame, convocado pola Deputación da Coruña, destacou «o humor, imaxinación, fantasía e tenrura con que a autora traballa a historia»

23 oct 2025 . Actualizado a las 00:27 h.

A escritora Antía Yáñez (Burela, 1991) é, con Bragakadabra, a gañadora na modalidade infantil do XIX premio Raíña Lupa, convocado pola Deputación da Coruña e ao que este ano concorreron 49 obras orixinais. O xurado declarou deserto o galardón na categoría xuvenil. O certame está dotado con 6.500 euros e a publicación da obra premiada.

A deputada de Cultura, Natividade González, presidiu o xurado integrado por Berta Dávila, Miguel Alonso Diz (representante da Asociación Galega do Libro Infantil e Xuvenil), Abel Tomé e as gañadoras do certame na anterior edición, Rosa Aneiros e Érica Esmorís. Como secretaria actuou Manuela Muñiz, xefa do Servizo de Acción Social, Cultura e Deportes da Deputación da Coruña.

De Bragakadabra, o comité avaliador valorou por unanimidade «o humor, imaxinación, fantasía e tenrura con que a autora traballa a historia, unha narración fresca e chea de personalidade». O xurado destacou tamén «a reflexión que propón o libro sobre a capacidade de superación e empoderamento».

Yáñez entra así no palmarés dun premio no que figuran, ademais de Érica Esmorís e Rosa Aneiros, Rafael Fernández Lorenzo, Lois Pérez, Andrea Maceiras, Xosé Antonio Neira Cruz, Valentín Alvite, An Alfaya, Marilar Aleixandre, Carlos Calveiro, Xesús Fraga e Agustín Fernández Paz, entre outros.

Natividade González salientou «a calidade de todas as propostas presentadas», e tamén «do catálogo de obras premiadas no Raíña Lupa, que inclúe autores que despuntan a nivel estatal». «É un orgullo para nós», engadiu, «premiar o talento galego, consolidando un certame como este que xa é de referencia na literatura infantil e xuvenil».