Baldomero Iglesias: «Os cantares de cego enlazan a música medieval cos nosos días»
CULTURA
O músico e investigador lugués profunda na importancia destes cantores nun libro que terá continuidade noutros tres volumes
22 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.«Cando tiña sete ou oito anos quedei sorprendidísimo e admirado duns cegos que tocaban no campo da feira de Lugo. [...] Eu escoiteinos e aparvei. A música era un reclamo vital, pero, ademais, a palabra cantada, os tons que metían, as voces, o relato case escenificado supuxo para min unha reconversión». Así lembra Baldomero Iglesias, Mero, (Vilalba, 1951) o seu primeiro encontro cos cantares de cego e o grande impacto que lle causaron. A partir das coplas que daquela lle comprou o seu tío, porque el non tiña cartos, empezou unha colección destes cantares. Agora, todo ese coñecemento que foi adquirindo ao longo dos anos verá a luz no Catálogo do cantar de cego galego (Companha Editora). Este martes presentou no Museo do Pobo Galego o tomo inaugural dunha serie que terá continuidade con tres novos números.
«Este primeiro volume céntrase nas conclusións que vin sacando sobre a repercusión da música dos cegos e cegas, así como o que representan dentro da musicoloxía galega. [...] O traballo vén sintetizar ese xénero musical importantísimo, xa que é herdeiro dos trobadores medievais e os xograres que tanto brillo lle deron á nosa cultura, non só en Galicia, senón fóra dela», afirma Iglesias. Unha das cuestións nas que fai fincapé o autor é que os cantares de cego, que foron a resistencia cando o uso do galego foi perseguido, tamén serviron de preludio ao xornalismo da prensa escrita, con esas historias que ían cantando polas vías e romarías. «Deduzo que son os primeiros textos que se fixeron para dar conta de novas e aconteceres», sinala, á vez que quere destacar as achegas para esta publicación dos xornalistas Xosé López e Ernesto Sánchez Pombo, así como do expresidente da Real Academia Galega Víctor Fernández Freixanes.
Do que non ten dúbidas Baldomero Iglesias é do papel esencial que tiveron os cantares de cego dentro da música galega. «Son importantes porque enlazan a música da Idade Media cos nosos días, son ese elo relevante que é importante dar a coñecer», incide.
No seu traballo, que conta con códigos QR para ampliar información, inclúe arredor de 200 nomes de cegos e cegas, así como de xente que, sen ser invidente, copiou o xénero expresivo, matiza o autor. Entre eles están nomes como os da cega de Miranda, que era «gran instrumentista e repentista capaz de construír a partir do que lle comentaban no momento», e os de Florencio da Fontaneira e o cego de Aldixe. Con este último, Baldomero Iglesias tivo a ocasión de cantar nunhas festas. O autor tamén fai fincapé en que intelectuais como Manuel María e Álvaro Cunqueiro chegaron a facer coplas para estes cantores.
A intención de Iglesias é que os tres volumes restantes deste traballo sobre os cantares vexan a luz este mesmo ano. Neles recolleranse arredor de 800 coplas, algunhas incluíndo explicacións, que tiña recompiladas e que forman parte dos seus máis de 16.000 arquivos con manifestacións da cultura tradicional galega. Deles tamén forman parte gravacións doutras cancións, lendas, contos e adiviñas. Un material que depositou no Arquivo do Patrimonio Oral do Museo do Pobo.