«Un anaco da historia da literatura galega» coas cartas entre Neira Vilas e Alonso Montero

Montse García Iglesias
Montse García SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

O Pazo de San Roque acolleu a presentación do libro con Fernando Redondo Neira, Xesús Alonso Montero, Valentín García e Xosé Manuel Soutullo
O Pazo de San Roque acolleu a presentación do libro con Fernando Redondo Neira, Xesús Alonso Montero, Valentín García e Xosé Manuel Soutullo SANDRA ALONSO

Recollen nun libro 269 misivas que ambos intercambiaron entre os anos 1965 e 2014

23 oct 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

«A Habana, 10 de xulio de 1965. Distinguido compatriota e amigo». Deste xeito iniciaba a súa carta Xosé Neira Vilas (Gres, Vila de Cruces, 1928-2015) a Xesús Alonso Montero (Vigo, 1928) para agradecer os comentarios que nunha publicación facía do seu libro Xente no rodicio. «Para quen está lonxe do seu terrón Nadal, nada pode haber de máis agarimo ca sentir o eco da súa modesta obra, do seu quefacer literario, desenrolado dende tan lonxe da presenza física da terra-nai, e con 16 anos de ausencia interpostos», escribía o autor de Memorias dun neno labrego. Esa misiva foi só o comezo dunha extensa relación epistolar que continuaría ata o 21 de outubro do 2014, xa con Neira Vilas de regreso en Galicia. Agora, 269 cartas que intercambiaron estes dous autores que naceron en novembro de 1928 só con vinte días de diferenza —198 escritas por Neira Vilas, 54 por Alonso Montero e as restantes por outros membros de ambas familias— ven a luz no volume Correspondencia 1965-2014, publicado pola editorial Galaxia no décimo aniversario do pasamento do escritor de Gres.

Trátase «dun libro de referencia que presenta a relación entre dúas persoas de máxima relevancia para a nosa cultura», asegurou o secretario xeral da Lingua, Valentín García, na presentación desta obra onte en Santiago acompañado por Xesús Alonso Montero, o presidente da Fundación Neira Vilas, Fernando Redondo Neira, e o director de Galaxia, Xosé Manuel Soutullo. Un aspecto no que tamén incidiu Redondo, resaltando que esta relación epistolar «é un anaco da historia da literatura galega».

Alonso Montero, ademais de ser na práctica un dos axentes literarios de Neira Vilas en Galicia, tal e como o definiu Soutullo, foi «a voz que o mantiña conectado coa intelectualidade e o mundo literario galegos», engadiu Redondo. Deste xeito, Alonso Montero uniuse a dous dos grandes amigos de Neira Vilas en Galicia: Isaac Díaz Pardo e o médico Manuel Reimóndez Portela. Para Fernando Redondo, o libro publicado por Galaxia amosa que Neira Vilas sempre tivo «un gran interese en manter unha estreita e intensa relación con Galicia a pesar de pasar anos sen volver». Un traballo que se une aos epistolarios publicados do escritor de Gres con Ramón Piñeiro, Valentín Paz Andrade, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Francisco Fernández del Riego e Díaz Pardo, entre outros.

Correspondencia 1965-2014 conta co prólogo do propio Xesús Alonso Montero, que na presentación en Santiago se amosaba «moi ledo» de que este epistolario vira a luz. «Este volume é moi importante polas cartas de Neira Vilas. Eu fun a conexión con Galicia, pero tamén coas editoriais», detallou engadindo que o escritor de Gres sabía que el «era o interlocutor ideal» xa que nel confluían unhas circunstancias que non se daban no resto de persoas coas que se carteaba en Galicia. «Ningún deles era militante do Partido Comunista coma min», indicou. Era unha cuestión relevante dado o contexto político entón en España e Cuba.

Relevancia das cartas de Cuba

No prólogo, o tamén ex presidente da Real Academia Galega apunta que de Correspondencia interesan «dun xeito especial» as cartas escritas desde A Habana ata 1922 porque despois, ao volver a Galicia, as misivas se converteron, en certo modo, en complementarias de conversas persoais ou charlas telefónicas. «Cómpre advertir que as cartas anteriores a 1992 foron escritas desde a emoción dunha experiencia política inédita, a da Revolución cubana», escribe Alonso Montero. Un aspecto no que onte profundou, indicando que esa revolución «significou para todos nós unha música nova, que nos alentou e encheu o noso corazón de esperanza».

Precisamente, polo contexto no que se producía ese intercambio epistolar inicial, algunhas das cartas remitidas por Neira Vilas non chegou a recibilas ao ser interceptadas pola policía. Por iso, para o material máis comprometido, segundo detallou, tiveron que buscar alternativas, como o envío por persoas amigas desde Cuba ao irmán de Neira Vilas, Xesús, que vivía en Madrid. Por outra banda, Alonso Montero eloxiou «o que fixo pola causa da lingua galega» Neira Vilas: «Memorias educou máis no galeguismo e o esquerdismo que calquera outro libro».

O volume de cartas será presentado o 27 de novembro en Gres, ao cumprirse dez anos da morte de Neira Vilas.