A cultura galega gaba a traxectoria de Xosé Luís Franco Grande como poeta e activista da lingua

Jorge Lamas Dono
jorge lamas VIGO / LA VOZ

CULTURA

Foto de familia. Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración de Galaxia; Teresa Seara, editora do libro; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do homenaxeado; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia; e Sandra González, alcaldesa de Tomiño; na Casa da Cultura Galega en Vigo.
Foto de familia. Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración de Galaxia; Teresa Seara, editora do libro; Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol; Valentín García, secretario xeral da Lingua; Rosalía e Navia Franco Barreiro, fillas do homenaxeado; Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia; e Sandra González, alcaldesa de Tomiño; na Casa da Cultura Galega en Vigo. M. Moralejo

A Casa Galega da Cultura de Vigo acolleu unha sentida homenaxe ao intelectual e galeguista tomiñés na que se presentou unha publicación que reúne a súa poesía

25 oct 2025 . Actualizado a las 01:47 h.

Honesto, activista cultural e da lingua, memoria viva dos tempos escuros, autor do primeiro dicionario galego ou mestre innegable do léxico foron algúns dos trazos que axudaron a debuxar o perfil humano de Xosé Luís Franco Grande (Tebra, Tomiño, 1936-Vigo, 2020) no decurso da homenaxe a súa figura organizada este xoves na Casa Galega da Cultura pola Real Academia Galega, a Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, institucións todas das que formou parte durante décadas quen fora avogado de profesión e poeta de corazón.

O encontro serviu ademais de presentación do libro Un intre no tempo. Poesía reunida (1967-2017), volume publicado por Galaxia que reúne os catro poemarios que o académico de número publicou en vida e que editou a filóloga Teresa Seara. «Sentíase poeta por enriba de todo», resumiron as fillas do homenaxeado, Navia e Rosalía Franco Barreiro. «Cremos que o noso pai estaría moi contento de ver reunida e publicada a súa poesía. Sabemos que aínda hai algunha agochada ou desaparecida, inédita», sinalaron.

E nesa faceta incidiu Henrique Monteagudo, presidente da Real Academia Galega, para manifestar que Franco Grande é «unha das voces poéticas máis admirables da segunda metade do século XX», e enxalzar o seu compromiso coa recuperación da cultura galega nos tempos escuros.

Escoitando entre o numeroso público estaban os seus predecesores no cargo, Víctor F. Freixanes e Xesús Alonso Montero; o secretario xeral da Lingua, Valentín García; a alcaldesa de Tomiño, Sandra González; e unha ampla representación da familia do homenaxeado, así como moitas persoas que coñeceron ao insigne galeguista.

Manuel Puga, presidente da Fundación Penzol, lembrou que o homenaxeado estivo na reconstrución do galeguismo e foi o padroeiro máis novo da Penzol, subliñando o seu compromiso permanente coa cultura galega. «Non o esquecemos», proclamou Manuel Puga.

Pola súa banda, Antón Vidal Andión, presidente do consello de administración da Editorial Galaxia, preferiu resumir a Xosé Luís Franco como «o home máis honesto» que ten coñecido, e lembrar a súa abundante produción literaria tanto en Galaxia como na revista Grial.

A filóloga Teresa Seara, responsable da edición do libro agora presentado, subliñou da poesía de Xosé Luís Franco Grande «o gran dominio da métrica e a súa mestría léxica innegable» ao tempo que eloxiou a «plena actualidade» dos seus temas.

Alén da poesía, na lembranza da traxectoria do avogado e intelectual galeguista houbo tempo para evocar o seu activismo cultural e o seu compromiso co país, que agromou, segundo recordou Teresa Seara, nos anos de estudante universitario en Santiago, cando entrou en contacto cos galeguistas do exilio interior e a seguinte xeración que continuaría o labor desta, a súa propia. Foi un comezo decisivo, como tamén corroboraron Navia e Rosalía Franco Barreiro, para o que rescataron unhas palabras do seu pai: «Debo todo na miña vida aos compañeiros de xeración e aos galeguistas que na década dos 50 retomaron a loita pola dignidade nacional de Galicia».