Unha mostra revive a José Ruibal, o escritor maldito pontevedrés de máis fama universal nos anos 60 e 70

Alfredo López Penide
L. Penide PONTEVEDRA / LA VOZ

CULTURA

O comisario Xosé Enrique Acuña -á dereita- percorre a mostra acompañado de Ángeles Tilve, directora do museo; Ana Ruibal, filla do homenaxeado; e o deputado Rafael Domínguez. A exposición pódese visitar ata o vindeiro 18 de xaneiro.
O comisario Xosé Enrique Acuña -á dereita- percorre a mostra acompañado de Ángeles Tilve, directora do museo; Ana Ruibal, filla do homenaxeado; e o deputado Rafael Domínguez. A exposición pódese visitar ata o vindeiro 18 de xaneiro. Adrián Baúlde

O autor está «considerado maldito dentro da literatura española, da dramaturxia española, porque sufriu o franquismo e sufriu a censura», lembra o comisario da exposición, Xosé Enrique Acuña

24 oct 2025 . Actualizado a las 09:50 h.

Festexando o centenario do nacemento en Xeve de José Ruibal, o Museo de Pontevedra inaugura este venres (ás 19.30 horas) unha exposición dedicada ao autor pontevedrés co propósito de recuperar «unha figura que nos anos 60 e 70 [...] era o escritor pontevedrés vivo de máis fama universal. Como escritor vivo foi dono da obra naquel momento [...] máis traducida, máis representada e con máis presenza nos medios e revistas internacionais de teatro».

O proxecto José Ruibal. Un escritor de centenario, tal e como engade o seu comisario, Xosé Enrique Acuña, fai un percorrido vital «por un autor que foi considerado maldito dentro da literatura española, da dramaturxia española, porque sufriu o franquismo e sufriu a censura». Nel pódense observar dende fotografías en diversas etapas da súa vida ou a ficha do instituto de Pontevedra ata orixinais poéticos, documentos da súa actividade política en Uruguai ou mesmo o manuscrito que escribiu tras pasar polo cárcere de Vigo. Nunhas poucas páxinas, non só deixa constancia do que foi o seu paso polo penal, senón que pon de manifesto cuestións de índole social que aínda, hoxe en día, están de actualidade. Como de actualidade segue a estar outra das publicacións que se poden contemplar na mostra e que leva por título Israel ¿puede dictar la paz?

O certo é que a censura foi, en ocasións, contraditoria coa obra de Ruibal: «Foi moi dura con el ás veces, outras veces lle permitía... obras que estaban prohibidas representábanse en locais relixiosos, porque non podía entrar a censura». Iso si, deixou claro Acuña, as súas dúas obras principais, La máquina de pedir e El hombre y la mosca, «sufriron o ataque da censura e non se puideron representar ata que chegou a democracia».

O percorrido pola exposición do Museo de Pontevedra é tamén testemuña visual da relación do dramaturgo xa non só coa súa familia, senón con outras figuras culturais e intelectuais do seu tempo. É o caso de Rafael Alberti, con quen, xa na Transición, imitou o paseíllo que fixera décadas atrás co matador Ignacio Sánchez Mejías na praza de touros da cidade do Lérez, un episodio do que se exhiben as crónicas da época; tamén un gravado feito a man polo escritor de El Puerto de Santa María dedicado ao seu colega pontevedrés.

O certo é que, tal e como precisou Xosé Enrique Acuña, o dramaturgo foi, «sobre todo, recoñecido nos Estados Unidos, no circuíto, sobre todo, universitario, onde deu centos de leccións maxistrais sobre a súa concepción do teatro. Alí foi recoñecido polos grandes hispanistas», que contribuíron a que, entre outras cousas, a súa obra fora traducida a numerosos idiomas.

Ser unha sorte de autor maldito non cambiou coa chegada da democracia a España. Así, Acuña ten claro que a Ruibal lle quedou un «regusto amargo porque cando se creou o Centro Dramático Galego tampouco o tomaron en consideración». Iso si, «o seu último gran éxito foi unha versión de La Celestina, que representou a actriz Amparo Soler Leal».

«Mi padre estaría encantado, pero, como nacimos ateos y herejes, no se va a enterar», di a filla

Xosé Enrique Acuña ten claro que a exposición só puido ser unha realidade grazas á implicación da filla de José Ruibal, Ana Ruibal, que lle deu acceso «a todos os materiais do seu pai, tamén a algúns coleccionistas e institucións que federan algunha obra, moi poucas», precisou.

A filla, precisamente, non dubida en afirmar que a exposición é un acto de xustiza cara ao seu proxenitor, ao tempo que agradece a implicación de Acuña: «Fue él quien puso todo de su parte. Yo solamente le di el archivo y nada más. No hice nada más. A mí me trajeron aquí y aquí estoy, pero no tengo ninguna relevancia en el proyecto», insistiu. En todo caso, mostrouse convencida de que o seu pai «estaría encantado [coa exposición], pero como no creemos, nacimos todos ateos y herejes, no se va a enterar, pero le gustaría mucho». Nesa mesma liña, Ana Ruibal engadiu que, ás portas da inauguración da mostra, sentíase «muy bien, muy orgullosa de él, muy contenta y muy agradecida a Enrique».