Xosé Lois Romero pide a coautoría do tema «Aralar» de Amaia: «Temos que aparecer nos créditos e chegar a un acordo de reparto de dereitos»

Javier Becerra
JAVIER BECERRA REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

 Xose Lois Romero e Aliboria.
Xose Lois Romero e Aliboria. BASILIO BELLO

Para o sinxelo estreado na semana pasada, a artista empregou sen permiso unha parte do seu tema «Caroi», do 2016

04 nov 2025 . Actualizado a las 18:38 h.

O equipo da cantante Amaia iniciou conversas cos representantes do percusionista Xosé Lois Romero para solucionar o conflito derivado da publicación do sinxelo Aralar, no que se emprega unha parte dunha composición do músico galego. O tema, que combina sonoridades pop con elementos folclóricos, inclúe unha parte pertencente a Caroi, canción publicada no 2016 dentro do primeiro disco de Xosé Lois Romero & Aliboria. «O que fixeron foi samplear unha rítmica dun dos nosos temas. Utilízana como base de toda a canción», explica Romero.

La Voz tentou obter a postura de Amaia sen éxito, pero segundo explica o manager de Romero, Antonio Prado, a solución vai por bo camiño: «Falamos co irmán de Amaia, que é quen lle leva as súas cousas, e agora estamos empezando a falar coa discográfica Universal. Aínda non hai avances, pero entenden que houbo un erro pola súa parte. Estamos vendo a maneira de solucionalo amigablemente».

Aralar presentouse o pasado xoves 30 de outubro, causando gran impacto pola súa proposta colorista. Pero na órbita de Aliboria provocou estupor: «Unha das Aliboria que o escoitou dixo: “Iso que hai aí son as nosas percusións”», lembra Romero. Volveron escoitar o tema e confirmaron a primeira impresión: «Puxémonos a escoitalo e era todo moi obvio. Porque non é un matiz nin un complemento, senón que a base do tema son os arranxos de pandeiretas que fixen eu para Caroi. Nese momento quedamos un pouco impresionados porque non entendiamos que iso puidese ocorrer sen que ninguén nos dixese nada».

Prado quixo establecer contacto con Universal e chegou un momento no que optaron pola retranca para visibilizar o problema: «Decidimos facer un vídeo un pouco de coña, porque nos parecía todo moi evidente», explica Romero. A peza é unha montaxe na que Amaia aparece actuando con eles nun pasado inexistente. «A mellor maneira era afrontalo con humor e esperar a que se decatasen. E así foi. Puxéronse en contacto con nós e agora está todo encamiñado. Hai boa vontade», sinala Romero.

«Descoidárono dunha forma un pouco inexplicable, porque a eses niveis enténdese que hai controis moi coidadosos con ese tipo de cousas. Están a traballar con material moi importante», reflexiona o percusionista, que descarta a mala fe da artista. «Era moi obvio que se ía saber en canto se publicase. Simplemente, nalgún punto do proceso, descoidárono», apunta.

A denuncia nas redes sociais provocou todo tipo de reaccións, nalgúns casos indicando que na música tradicional é habitual construír pezas a partir doutras preexistentes. Romero precisa que o que ocorreu aquí non encaixa exactamente nesa dinámica: «Non estamos a falar dun ritmo tradicional ou dunha canción popular, senón dunha gravación concreta dun disco que ten propiedade intelectual. É como se collesen a voz de Xabier Díaz para facer unha canción doutro grupo: pode que a canción sexa tradicional, pero a voz é de Xabier. Pois iso é o que ocorreu neste caso. Están a empregar algo creado por min a partir dun tema tradicional, si. Pero ese arranxo, esa gravación, o máster dese disco, é meu. Eu son o propietario dese son, dese audio. E non é legal empregalo sen un acordo previo».

Aínda non saben como se vai arranxar, pero Romero apunta á solución lóxica de dobre vertente: «Aparecer nos créditos como coautores da parte que soa no tema e, por outra banda, chegar a un acordo de reparto dos dereitos que xera esa canción. Ao final, esa canción funciona e se escoita porque ten un arranxo meu para Aliboria».