A escritora An Alfaya, gañadora do Premio Laxeiro 2026

Adrián García Seoane REDACCION / LA VOZ

CULTURA

A escritora An Alfaya nunha imaxe de arquivo.
A escritora An Alfaya nunha imaxe de arquivo. Oscar Vázquez

A autora viguesa, con máis de 30 títulos publicados en galego, foi traducida ao español, o inglés ou o catalán

10 nov 2025 . Actualizado a las 22:51 h.

A escritora María de los Ángeles Alfaya Bernárdez, máis coñecida como An Alfaya (Vigo, 1964), é a gañadora da última edición do Premio Laxeiro, un galardón que cada ano outorga a fundación do mesmo nome para distinguir o labor de persoas ou entidades destacadas do mundo da cultura e as artes galegas. «Estamos falando dunha escritora certamente sensacional», afirmou o alcalde de Vigo e presidente da asociación, Abel Caballero, quen felicitou á autora por este novo recoñecemento a súa carreira literaria.

Formada en Maxisterio en Vigo e en Criminoloxía na Universidade Complutense de Madrid, Alfaya compaxina o seu labor literario co de detective privada. A súa obra, escrita integramente en galego e composta por máis de 30 títulos, foi traducida a varios idiomas, entre os que destacan o español, o inglés e o catalán. A maior parte da súa produción está dirixida ao público infantil e xuvenil, aínda que tamén editou con éxito varias novelas dirixidas a adultos.

Pero ademais de á escrita, Alfaya está ligada ao mundo da escena, xa que participou na fundación do Teatro Avento de Vigo e traballou como actriz de dobraxe en galego en series como Os Picapedra, onde puxo voz ao personaxe de Betty.

Dentro do seu extenso catálogo literario destacan títulos como A recortada (1999); Desventura (2003); Matei un home (2005), obra coa que chegou a ser finalista do Premio de Novelas por Entregas de La Voz de Galicia no 2003; A sombra descalza (2006), coa que obtivo o Premio Xosé Neira Vilas; Illa Soidade (2007), novela merecedora do Premio Jules Verne que concede a editorial Xerais; Areaquente (2009), galardoada co Premio de novela curta Manuel Lueiro Rey e o Premio Arcebispo Xoán de San Clemente; Vía secundaria (2011), título co que se alzou no 2010 co Premio de Novela por Entregas de La Voz de Galicia; Muros de aire (2015); A cea das enaguas (2016); e O home de negro (2018), Premio de novela curta Xosé Neira Vilas.

Con este último recoñecemento por parte da Fundación Laxeiro, Alfaya, que recibirá o premio en febreiro do 2026, súmase a unha longa lista de grandes persoeiros da cultura que mereceron o galardón en anteriores edicións, entre os que sobresaen a pintora Bea Rey, a escritora María Xosé Queizán, o ensaísta Xesús Alonso Montero, o grupo artístico Atlántica, o músico Rodrigo Romaní, a escritora Ledicia Costas, a coral Casablanca, o novelista Xosé Luís Méndez Ferrín ou o arquitecto e divulgador Jaime Garrido.