O18 de outubro de 1936, o doutor Rafael de Vega Barrera, xa condenado a morte, escribe unha carta a Teresa, a súa muller, e aos seus cinco fillos, unha carta de despedida: tres días despois era fusilado en Lugo, a cidade que durante dúas décadas se beneficiara do seu nobre comportamento cívico e do seu saber profesional como médico, un médico que sen ser, politicamente, un «revolucionario subversivo», entendía que a saúde era un dereito elemental para calquera cidadán, mesmo para os pobres e os marxinados sociais. No final da carta, o atribulado autor diríxese, concretamente, ao maior dos seus cinco fillos, a Rafael, de 18 anos, nestes termos: «Rafael querido: estudia mucho, cuida a tu madre y reivindica mi nombre en este pueblo tan ingrato para mí».
O doutor Vega, nas últimas horas do seu existir, non só pensa no porvir dos seus fillos pequenos senón no seu nome, no seu nome de home de ben a carta cabal, o nome que desexa circule, na posteridade, coa limpeza e a nobreza a que ten dereito polos seus feitos de cidadán e de médico, sempre exemplares, naquel Lugo onde en outubro do 36 era condenado. En realidade, a súa preocupación por transmitir a limpeza do seu nome é un pensamento que aparece noutros textos testamentarios seus. Nunha carta posterior, a do día 19, tamén aos fillos, ínstaos con estas palabras, case as mesmas: «Reivindicar mi nombre en este pueblo tan ingrato para mí».
Hai poucos días, o 8 deste mes, en Lugo, no Lugo no que el tanto ben fixo, don Rafael de Vega Barrera foi nomeado, polo goberno municipal, fillo adoptivo da cidade nun acto solemne e conmovente ao que asistiron netos e bisnetos do doutor que coidan o seu nome —Rafael de Vega Barrera— como se dun tesouro se tratase. Porque é un tesouro polo seu brillo moral e civil.
Horas antes da execución, o doutor Rafael de Vega Barrera dita testamento ante o notario Isauro Pardo y Pardo no que declara que «ruega a las autoridades defiendan los derechos de sus menores hijos en la consideración que merece el que en estos momentos de confesión asegura que sufre… culpas de las que se cree inocente».