«Os soños de Daniel», o álbum ilustrado que achega aos nenos a figura de Castelao

Adrián García Seoane REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

López-Barxas, retratado xunto á homenaxe a Castelao na praza coruñesa do Humor.
López-Barxas, retratado xunto á homenaxe a Castelao na praza coruñesa do Humor. Eduardo Pérez

O libro está escrito por Paco López-Barxas e conta cos debuxos de Isabel Pintado

01 dic 2025 . Actualizado a las 15:10 h.

Logo de publicar a homenaxe colectiva Castelao, entre nós. 75 anos despois, un achegamento en forma de ficción á obra e personalidade do autor rianxeiro, o escritor e xornalista Paco López-Barxas (Padrenda, 1952) regresa co álbum ilustrado Os soños de Daniel (Teófilo Edicións), un conto infantil pensado para dar a coñecer aos máis nenos a vida e o legado de Castelao dun xeito ameno e divertido. O libro, que vén acompañado das coloridas ilustracións de Isabel Pintado, presenta unha viaxe imaxinaria polos soños e arelas do Castelao cativo, revividos a través das lembranzas doutro escritor da época, Eduardo Dieste.

«Esta obra amosa unha faceta quizais menos coñecida de Castelao: a dun rapaz soñador que naceu na vila mariñeira de Rianxo e que, co tempo, chegará a ser un referente para todos os galegos», explica López-Barxas. Mais, malia estar dirixido aos nenos, Os soños de Daniel non deixa de ser unha obra comprometida coa defensa da lingua e a cultura galegas. «Aparece reflectida, por exemplo, a discriminación lingüística nunha escola da época, ou a dor da emigración, xa que Castelao marchou cara Arxentina con nove anos, e non foi ata esa idade que coñeceu ao seu pai, pois este emigrou ao país suramericano cando el só tiña uns meses», lembra o escritor.

Deste forma, a obra, que conxuga realidade e ficción, constrúe un relato no que o futuro autor de Os vellos non deben de namorarse soña cunha Galicia diferente, logo de atopar na casa dos seus avós un mapa do país elaborado polo xeógrafo Domingo Fontán, autor do primeiro atlas topográfico e científico de Galicia. «Sobre ese vello mapa, Castelao vai debuxando a Galicia que a el lle gustaría que se fixera realidade e na que cre que todos deberiamos mirarnos. Sen desvelar moito do argumento, ao final o que descobre é que é difícil construíla se non a soñamos todos xuntos», resalta López-Barxas.

Un dos elementos cruciais de Os soños de Daniel son os debuxos de Isabel Pintado, que coas súas tonalidades vibrantes e os seus trazos lixeiros invitan aos máis pequenos a despregar o poder da súa imaxinación. «As ilustracións son unha auténtica marabilla, toda unha romaría de cores e formas. Só por si mesmas xa contan unha historia. Isabel fixo un traballo extraordinario», subliña o autor. Así, os rapaces poderán gozar do libro cunha simple ollada antes incluso de lelo.

E, como non podía ser doutro xeito, a obra dialoga coa concepción da infancia de Castelao, pois, como indica López-Barxas, os nenos sempre estiveron «moi presentes» na súa obra artística e política. «Mesmo chegaron a ser os protagonistas de moitos dos seus textos e debuxos, como é o caso de Retrincos ou Os dous de sempre —apunta—. Para el, a infancia era un espello onde se vía reflectida esa Galicia campesiña e rural do seu tempo. Por iso, á hora de escribir este conto decidín ambientalo nos seus primeiros anos da nenez», engade o escritor ourensán.