Víctor Freixanes gaña o premio Carlos Casares de xornalismo literario

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

CULTURA

Víctor Freixanes nunha imaxe de arquivo.
Víctor Freixanes nunha imaxe de arquivo. MARCOS MÍGUEZ

O xurado valorou a columna Vento nas velas, que publica en La Voz desde o 2001

05 dic 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O escritor, editor e académico Víctor Fernández Freixanes foi elixido gañador da cuarta edición do Premio Carlos Casares de Xornalismo Literario, convocado polo Concello de Xinzo de Limia e a Fundación Carlos Casares. O anuncio foi comunicado polo alcalde, Amador Díaz Penín, e polo presidente da Fundación, Xavier Casares Mouriño, xunto coa acta oficial do xurado.

O galardón recoñece o mellor xornalismo literario publicado en Galicia e no conxunto de España, valorando a orixinalidade, a técnica narrativa, a profundidade da ollada e a continuidade no tempo. Nesta edición, o xurado decidiu premiar a Freixanes pola súa columna Vento nas velas, que publica periodicamente en La Voz de Galicia desde xuño do 2001, na que ofrece a súa visión da actualidade desde unha ollada galega.

Na súa resolución, o xurado subliñou «a destreza do autor reflectida no estilo», destacando que escribe sempre ao fío da actualidade. O fallo do xurado di que Freixanes «mantén un ton sereno e unha visión positiva, achega claridade a episodios confusos e balancea con sabedoría o presente co pasado». A decisión adoptouse por maioría durante a reunión celebrada en Xinzo de Limia o pasado 26 de novembro.

O Premio Carlos Casares celebra, segundo os seus convocantes, un tipo de xornalismo que busca a complicidade do lector, que conecta asuntos presentes con outras reflexións de fondo e que promove unha lectura pausada e con criterio, valores que o xurado considera plenamente representados na obra do galardoado. O ano pasado a galardoada foi Pilar Cernuda.

Un referente literario galego

Nado en Pontevedra en 1951, Víctor Fernández Freixanes é un dos nomes máis destacados da cultura galega contemporánea. Escritor, periodista, editor e profesor universitario, foi director de medios radiofónicos e televisivos, responsable editorial en Xerais, Alianza Editorial e o Grupo Anaya, e desde o 2002, director da Editorial Galaxia.

Académico desde o ano 2004, presidiu a Real Academia Galega no período comprendido entre o 2017 e o 2025, etapa na que impulsou constantes accións de divulgación da literatura do pais e de normalización do galego. Na súa obra literaria destacan títulos como Unha ducia de galegos, O triángulo inscrito na circunferencia, O enxoval da noiva ou A cidade dos césares, polos que recibiu, entre outros, o premio Blanco Amor, o premio da Crítica e o premio Torrente Ballester. Este ano foi distinguido coa medalla Castelao, un dos máximos recoñecementos culturais en Galicia.

A súa prosa, recoñecida polo ritmo e a sensualidade lingüística, combina memoria, análise histórica e identidade, características que tamén vertebra na súa longa traxectoria xornalística. Un apartado que agora é recoñecido con este premio Carlos Casares de Xornalismo Literario.