Díaz Pardo e Valle, arquitectos da identidade de Galicia

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

CULTURA

SANDRA ALONSO

Boisaca acolleu a tradicional ofrenda floral no cabodano dos dous artistas, que finaron un 5 de xaneiro con 76 anos de diferencia

05 ene 2026 . Actualizado a las 19:16 h.

Un retrataba a sociedade deformada por espellos cóncavos e covexos. O outro, debuxaba Galicia con novas formas e azos renovados. Os dous acudiron aos animados faladoiros tulias do compostelán café Derby. Ambos finaron un 5 de xaneiro, con 76 anos de diferenza. E malia que os dous repousan no cemiterio de Boisaca, tamén miran a diario a catedral de Santiago dende a vista privilexiada da Alameda.

Como cada ano, a cultura galega rendeu homenaxe a Valle-Inclán e Isaac Díaz Pardo, nun acto que, este ano máis ca nunca, ten que ser de memoria. O vindeiro 18 de xullo terán pasado noventa anos do golpe de estado do 36, que levou por diante a vida de moitos, e tamén cambiou para a sempre dun novísimo Isaac. Valle-Inclán non chegaría a ver o alzamento de Franco. Isaac Díaz Pardo sufriría as consecuencias da represión e posterior ditadura.

O seu pai, Camilo Díaz Baliño, foi apresado na Falcona e asasinado polo franquismo e Isaac, apenas un adolescente, tivo que escapar e agacharse. O terror da represión e o franquismo deixaron unha fonda pegada en Isaac Díaz Pardo, tal e como lembraba a alcaldesa de Santiago, Goretti Sanmartín, durante o acto, no que tamén estiveron presentes os alcaldes da Pobra do Caramiñal e de Vilanova de Arousa. Unha pegada, a da represión franquista que o artista, finado hai 14 anos, tamén deixou, indeleble, en cadros como Os afogados ou O discurso.

Este, o 2026, é un ano de aniversarios redondos. Porque tamén se fan 90 anos do falecemento de Ramón María del Valle-Inclán e cen anos da publicación de Tirano Banderas, a novela clave no desenvolvemento do esperpento, o xénero que el mesmo creou e que aínda ten vixencia na actualidade.

Porque, se cadra, non tantas cousas cambiaron en Galicia —e no mundo— cen anos despois de que vira a luz Tirano Banderas e a entendernos a nós mesmos axudan tanto a sátira de Valle-Inclán como a denuncia social de Díaz Pardo. E, dende logo, autores coma estes dous son parte da identidade de Galicia, remarcaba o conselleiro de Cultura, José López Campos, durante a súa intervención.

«Sempre debemos ter presente a pegada que deixaron na nosa identidade persoeiros como os que homenaxeamos», afirmaba o titular da carteira autonómica durante un acto que estivo acompañado de actuacións musicais e lecturas poéticas.