Roglic gaña, mentres o Jumbo sangra

Gonzalo Rabuñal

DEPORTES

Roglic, Vingegaard y Kuss, durante la ascensión al Angliru.
Roglic, Vingegaard y Kuss, durante la ascensión al Angliru. Luis Gómez POOL | EFE

13 sep 2023 . Actualizado a las 21:28 h.

O ciclismo e o deporte colectivo máis individual que existe. Grandes líderes que non gañarían sen as grandes ou pequenas axudas que reciben dos gregarios no seu día a día.

Cantas veces se acordaría Kuss de todas as ocasións nas que tivo que mirar para atrás e levantar un pouquiño para esperar, acompañar ou animar aos seus xefes de filas. Pensamentos que sucedían co corazón latindo a tope, nas ramplas infernais do Angliru e vendo como se afastaba sen mirar atrás e esperar polo líder da carreira.

Tal vez a partir desta Volta, Roglic e Vingegard solo sexan compañeiros de traballo, ou tal vez xa era así. Interioridades de equipos que son difíciles de saber, pero fáciles de intuír ao ver como cada vez os sorrisos de Kuss vólvense máis pequenos e escasos.

Gran dilema o que ten Jumbo, que mentres sentencia a Volta en cada final en alto, ve como Kuss vai perdendo tempo pouco a pouco... Pero só ante os seus gregarios, Vingegard e Roglic; eses mesmos compañeiros que en todos os seus triunfos tiveron ao lado ao riseiro americano.

Na xornada do martes Vingegard pensou que era boa cousa dedicarlle un triunfo a un compañeiro accidentado nun coche, este mércores, tal vez, Roglic pensou que dedicarlle unha vitoria no aniversario a Kuss podía gustarlle. O xoves veremos unha etapa longa e cun novo final en alto. Tal vez a pequena ferida que se ve no Jumbo cúrase, ou se faga máis grande e termine nunha guerra civil.

Divertiríase o espectador, e remataría como case sempre cun gran gregario cerca de tocar a gloria. Pero neste caso será máis doloroso, ao ser os seus propios líderes os verdugos. Tamén pode pasar que o Jumbo decida poñer unha tirita e non sumar unha nova historia cómica e dantesca á súa longa historia, que como se di entre os frikis do ciclismo, «que estes son os do Rabobank...».

Entre os ciclistas españois resaltar a Mikel Landa, que nas escarpadas ladeiras do coloso asturiano parece que debía ter unha capela dedicada ao landismo e á que onte quería render pleitesía. Etapón do vasco e do seu equipo, o Bahrein.

No caso de Enric Mas e Juan Ayuso, un pouquiño peor, sen opcións de deixarse ver pero coa ilusión —sobre todo en Ayuso— de que hoxe ou na etapa de Madrid intenten algo grande que pode acabar mal, pero que entreteña ao espectador.

Mención aparte Remco Evenepoel, que xera en cada exhibición amor, como en cada declaración odio. Nesta etapa tocou amor, moito desgaste sen premio, e na seguinte, seguramente, volverá a intentalo de saída. Este aprenderá a facelo ben nas grandes voltas a base de cabezazos, e iso aos espectadores gustaranos.