Unha carreira que acabou rota, vistosa

José Á. Vidal

DEPORTES

SANDRA ALONSO

28 ago 2024 . Actualizado a las 20:33 h.

Cando me chamou Escartín para deseñar esta etapa, ao saber que son desta zona e que coñezo o terreo, pensamos en facela sobre a base do trazado da Copa de España, coa dobre subida a Augasantas, pasando tamén por Lampai. E saíu bonita.

Desenvolveuse de acordo cunha das posibilidades que había, que se viran dúas carreiras, unha pola loita da etapa e outra pola xeneral. Así foi como se artellou, despois dunha primeira hora de moita guerra.

Gañou Dunbar porque foi o máis listo, nese final cunha escapada moi grande. Encontrou o momento xusto, os rivais quedaron mirando uns para os outros, colleu unha vantaxe e valeulle para gañar. Non por moito, pero si o suficiente porque os perseguidores tardaron en reaccionar.

Ademais, houbo loita pola xeneral. Podía pasar que o pelotón se deixase ir, e habería menos emoción. Pero os que estamos no mundiño sabiamos que ao final, con esa subida a Cruxeiras que non é larguísima pero si dura, podía ser una boa ocasión para meter tempo. Non unha minutada, pero si segundos que poden ser moi importantes e de moito valor de cara ao final, aínda que queda moita volta. Roglic viuno e, xunto con Mas, aproveitaron a ocasión.

O mellor de todo foi que a xente acabou moi satisfeita. Cando menos, así mo fixeron saber os veciños cos que me fun cruzando ao rematar a etapa. A carreira acabou moi rota e foi moi vistosa. Foi un gran día. Para Oliveira, Blanco Villar e máis eu, tres padroneses que fomos ciclistas profesionais no seu momento, foi un día de moito orgullo.