
Xa descendidos, os herculinos afrontan o duelo tras a sensible baixa de Taylor
17 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.Día un despois do descenso á Primeira FEB. O Leyma Básquet Coruña retorna este sábado ao Coliseum para medir forzas co Morabanc Andorra (19 horas, Movistar Deportes 3), e faino con novidades. A saída do seu máximo referente ao longo da tempada 2024-2025, Brandon Taylor, rumbo á Virtus Bolonia, foi o detonante do que semella que será a última incorporación da escuadra laranxa: Alonzo Verge Júnior.
Verge (Aurora, Illinois, EE.UU., 1998), con pasado nas universidades de Arizona State e Nebraska, chegou á Coruña procedente do Balikesir da segunda división turca. Alí promediou, na campaña vixente, 28 puntos, seis rebotes e once asistencias. O novo base laranxa terá, así mesmo, un reto maiúsculo: encher os zapatos dun Taylor que chegou á Coruña case coma un descoñecido e marchou coma un xogador de innegable calidade.
Para os herculinos, o obxectivo é claro: evitar finalizar na derradeira posición da Liga Endesa. «Tristemente para nosotros vamos a ocupar matemáticamente una de las dos plazas de descenso, pero tenemos que hacer todo lo posible para intentar pasar al Granada en la clasificación y no quedar últimos. Ese es nuestro objetivo, aunque sabemos que no es una situación fácil porque el golpe ha sido muy duro», subliñaba na rolda de prensa previa ao encontro Diego Epifanio.
O preparador burgalés, que evitaba facer análises sobre a tempada dos laranxas polo momento, ten en dúbida a súa continuidade no proxecto, aínda que conta con contrato en vigor para a campaña 2025-2026.
Non poderá contar o adestrador laranxa para o partido, alén de Brandon Taylor tras a súa saída, con Trey Thompkins, Thomas Heurtel e Augusto Lima, todos eles con lesións e diversos problemas físicos.
O Andorra segue a loitar
Non o vai ter sinxelo o equipo herculino, que se vai medir cun Andorra que ten a esixencia de impoñerse se quere asegurar a permanencia na Liga Endesa un ano máis. Despois de que Natxo Lezkano fora destituido, o veterán Joan Plaza tomou o mando do equipo, acadando resultados lixeiramente mellores aos do seu predecesor.
Como principais armas, o incombustible Jerrick Harding, Nikos Chougkaz, Ben Lammers ou o exNBA Sékou Doumbouya (11,7 puntos e 4,5 rebotes por partido), que gañou máis peso no equipo coa chegada de Joan Plaza ao banco.