
Coñecín a Lola aí polo 2014, cando entrei como mestre de prácticas nunha aula do CEIPP Vista Alegre. Lola tiña uns 7 anos.
Poucos anos máis tarde, estando xa no CD Burela FS, adestrei o Benxamín A e B do club e foi a primeira vez que a adestrei. Curiosamente, era xogadora; ala-pívot. Durou pouco, xa que o seguinte ano puxo as luvas no Alevín B e xa non volveu saír da portería.
Esta semana xogamos o último partido de liga co filial femInino e celebramos os 17 anos de Lola. É inevitable botar a vista atrás e ver todo o vivido.
Dende que a coñecín en etapa benxamín ata agora, que aínda está e idade xuvenil, vivimos moitas cousas xuntos, con outras compañeiras que levan no club dende ben pequeniñas. Cando vamos de viaxe sempre lles digo: «Que? Outra excursión con vós? Cantas van xa?». Elas rin e eu tamén.
Para Lola:
Sei que como persoa eres consciente do esforzo que deberás facer para pelexar polo teu soño, e como deportista tamén eres consciente do que terás que esforzarte para que todas esas condicións que tes como xogadora sigan a perfeccionarse. Ir coa selección española non é unha casualidade, pero agora decides ti. A etapa formativa acábase e estás a entrar nunha etapa de rendemento. Prepárate, adestra e pelexa o teu soño igual que o levas facendo dende que comezaches naquel benxamín B.
O esforzo destes anos sempre veu acompañado de pequenas recompensas, unhas tardaron máis e outras menos, pero foron chegando. Agora tes que pelexar por novas recompensas e estou seguro de que outras novas chegarán.
Noraboa! Primeiro por comprender como unha nena debe enfocar a formación deportiva. E segundo, por querer entender o xogo máis alá do simple feito de xogar. Sempre che digo que acabarás sendo unha gran adestradora, pero antes serás unha gran porteira.
Non me olvido de Javi, pai de Lola. Entendiches como funciona a etapa formativa e metiches desinteresadamente moitas horas en axudarnos a formar ás nenas e, neste, caso á túa filla. É moi importante que o valor da formación que transmitimos nos clubs chegue á casa, e ti foches unha extensión miña na formación de Lola.
Grazas por estar sempre e por acompañar tan ben a Lola neste proceso. Esten orgulloso da filla que tes.
Jairo Campo é coordinador de base do Burela FS e seleccionador galego sub-16