Lola Muñoz, porteira de España sub-17 de fútbol sala: «Impactoume o nivel da selección, especialmente o das máis pequenas»

DEPORTES

Lola, durante a recente concentración da selección sub-17.
Lola, durante a recente concentración da selección sub-17.

A xoia burelesa foi a única galega no equipo concentrado nas Rozas do 11 ao 15 de maio

26 may 2025 . Actualizado a las 05:00 h.

O pasado martes 20 cumpriu 17 anos, pero Lola Muñoz Baamonde recibiu un dos mellores agasallos unha semana antes. A xenial traxectoria como porteira que constrúe na canteira do Burela FS converteuna na única xogadora galega na selección española sub-17 que Íñigo Martínez reuniu nas Rozas. Tras perderse por unha inoportuna lesión a cita para a que xa fora chamada hai un ano, esta vez a súa felicidade foi completa.

—Que tal foi a experiencia?

—Tiña expectativas de que fora parecida á anterior, pero nada que ver. Paseino superben e fixen moi boas amigas.

—Que cambiou?

—Este ano coincidiamos con outra franxa de idade, non eran as mesmas persoas. Esta vez fixemos máis grupo, paseino moi ben, a verdade.

—E xogaron un partido contra o Segosala, de Segunda División, non?

—Gañamos 3-0. Creo que no partido se reflectiu a boa conexión que tivemos como grupo.

—Que tal se encontrou?

—Eu xoguei os últimos minutos da segunda parte e as sensacións foron boísimas. Era a primeira vez que xogaba nas Rozas, a outra vez lesionarame e non tiven a oportunidade. É unha experiencia que me quedará para sempre.

—E coa porta a cero, como se lle pide ás boas porteiras.

—É superguai non haber encaixado goles, si. Para unha porteira sempre é especial.

—Que tal nivel ten a xeración do 2008?

—Viñeron tamén rapazas do 2009 e 2010. Creo que somos tres xeracións que vimos realmente fortes. Impactoume moito o nivel da selección, especialmente o das máis pequenas. Quedei moi sorprendida.

—Con que idade empezou a xogar?

—O fútbol gústame desde sempre, pero nunca estiven nun equipo nin fixera outro deporte ata os dez anos, que entrei xa no Burela FS. Empecei de xogadora, con pícaros, e ese mesmo ano, non sei moi ben por que, metinme na portería e xa non me movín.

—Non tiña vocación de antes?

—Meu tío era porteiro e de pequeniña xa me levaba xogar, comprábame luvas, tirábase comigo... El incitoume un pouco, así que un día nun adestramento faltaba un porteiro, probei e xa non saín da portería nunca. Aínda eramos benxamíns, creo.

—Que destacaría do seu xogo?

—Gústame xogar cos pés, considero que non o fago mal, e tamén os saques. Son dúas cousas que me fascinan e creo que non fago mal.

—Destacou desde moi nova?

—No 2020 foi a primeira vez que me chamaron as seleccións galegas. Desde entón seguín indo ata agora, menos este ano con Galicia.

—Xa xoga no filial do Burela, non?

—Si, habitualmente os partidos de Liga xógoos co filial, en Preferente, pero compaxínoo co xuvenil, que non ten competición tódalas semanas. Facemos concentracións.

—E o primeiro equipo veo moi lonxe?

—Fun a varios adestramentos e tamén xoguei a segunda metade do partido de Copa Galicia en Santiago contra Meigas, no que gañamos 0-7. O ano pasado tamén fun a algún partido de pretempada, pero non debutei aínda na Liga.

—En quen se fixa como porteira?

—Actualmente as miñas referencias en Burela son Caridad e Kaluza, pero fóra do club fíxome moito en Miquel Feixas, do Barcelona, e en Bía Souza, do Melilla. Vexo moito fútbol sala.

—Que desafíos se propón agora?

—Gustaríame seguir xogando moitos anos na miña casa, en Burela, porque me sinto moi a gusto, e seguir intentando asomar a cabeza para seguir na selección.

—Que tal compaxina o deporte e os estudos?

—Estou en primeiro de Bacharelato no IES Monte Castelo, cando acabe este curso e o que vén gustaríame ir estudar INEF en A Coruña. Ás veces é un pouco complicado compaxinar o deporte e os estudos, pero vou podendo con algún sacrificio.

Opinión: Pelexa o teu soño como levas facendo desde benxamíns, Lola 

Jairo Campo

Coñecín a Lola aí polo 2014, cando entrei como mestre de prácticas nunha aula do CEIPP Vista Alegre. Lola tiña uns 7 anos.

Poucos anos máis tarde, estando xa no CD Burela FS, adestrei o Benxamín A e B do club e foi a primeira vez que a adestrei. Curiosamente, era xogadora; ala-pívot. Durou pouco, xa que o seguinte ano puxo as luvas no Alevín B e xa non volveu saír da portería.

Esta semana xogamos o último partido de liga co filial femInino e celebramos os 17 anos de Lola. É inevitable botar a vista atrás e ver todo o vivido.

Dende que a coñecín en etapa benxamín ata agora, que ainda está e idade xuvenil, vivimos moitas cousas xuntos, con otras compañeiras que levan no club dende ben pequeniñas. Cando vamos de viaxe sempre lles digo: «Que? Outra excursión con vós? Cantas van xa?». Elas rin e eu tamén.

Para Lola:

Sei que como persoa eres consciente do esforzo que deberás facer para pelexar polo teu soño, e como deportista tamén eres consciente do que terás que esforzarte para que todas esas condicións que tes como xogadora sigan a perfeccionarse. Ir coa selección española non é unha casualidade, pero agora decides ti. A etapa formativa acábase e estás a entrar nunha etapa de rendemento. Prepárate, adestra e pelexa o teu soño igual que o levas facendo dende que comezaches naquel benxamín B.

O esforzo destes anos sempre veu acompañado de pequenas recompensas, unhas tardaron máis e outras menos, pero foron chegando. Agora tes que pelexar por novas recompensas e estou seguro de que outras novas chegarán.

Noraboa! Primeiro por comprender como unha nena debe enfocar a formación deportiva. E segundo, por querer entender o xogo máis alá do simple feito de xogar. Sempre che digo que acabarás sendo unha gran adestradora, pero antes serás unha gran porteira.

Non me olvido de Javi, pai de Lola. Entendiches como funciona a etapa formativa e metiches desinteresadamente moitas horas en axudarnos a formar ás nenas e, neste, caso á túa filla. É moi importante que o valor da formación que transmitimos nos clubs chegue á casa, e ti foches unha extensión miña na formación de Lola.

Grazas por estar sempre e por acompañar tan ben a Lola neste proceso. Esten orgulloso da filla que tes.

Jairo Campo é coordinador de base do Burela FS e seleccionador galego sub-16