? título autonómico dos cadetes masculinos ocultou por razóns obvias outra boa nova para o Club Balonmán Lalín. O filial sénior roxinegro conseguíu de rebote unha segunda oportunidade para conquistar a permanencia na Segunda División Nacional. O ascenso do Ribeira anulou o efecto fervenza provocado polo descenso do Artai, deixando ao Camariñas como único equipo directamente degradado á Territorial. O Portadeza B, pola súa parte, xogarase o todo polo todo a dobre partido co segundo clasificado da Territorial, o Cangas B. Os homes de Félix Mojón recibirán ao filial do equipo da Asobal este sábado, ás 18.30 horas no encontro de ida, visitando á semana seguinte a pista morracense nunha volta que conviría deixar satisfactoriamente resolta de antemán. Mojón comentou onte que non lle sorprendía o ascenso do Ribeira e, con el, a promoción do seu plantel, que entende como «un regalo que non mereciamos». Pero como di o refrán, a cabalo regalado non lle mires o dente, de aí que o Portadeza B se estea a adestrar esta semana tódolos días para preparar a primeira das súas finais a vida ou morte. Porque, sinala o técnico, «que ninguén pense que isto está feito».