A BALADA DO CANDÁN | O |
21 ago 2004 . Actualizado a las 07:00 h.NUNCA CHOVE a gusto de todos. Xa o advertía o Xénesis 7, 11: « Et cataractae caeli apertae sunt » -e abríronse as cataratas do ceo-. Os meteorólogos tamén din que había trinta anos que non nos viña un agosto así. Era de prever, coa invernía atipicamente seca que tivemos. Antes ou despois, sempre rematamos pagando. Uns máis ca outros, claro está, porque algúns non facemos o noso agosto nunca, pero hainos que viven todo o ano do que producen este mes. Paul Bowles, aquel escritor que plasmou coma ningúen a complacencia de se sentir amargo -se exceptuamos a Cioran-, escribiu en O Ceo Protector (logo levada ó cinema polo mestre Bertolucci): «Cando considero a fin dun día, de calquera día, sempre teño a impresión de que é a fin de toda unha época. ¡E o outono! Podería ser a fin de todo. Por iso detesto os países fríos e me gustan os cálidos, onde non hai inverno, e cando chega a noite sentes que a vida comeza en lugar de rematar». Parece impropio evocar este párrafo en agosto, pero máis semella outono ca verán. De tódolos xeitos, prefiro os países non cálidos, temperados coma o noso, aínda que cada certos anos veña un agosto coma o que estamos a sufrir. O calor é enfermizo, a humidade é sinónimo de vida ¿que vida hai no deserto e que vida non hai na fraga? «Nin a chuvia ten mans tan pequenas», escribía o poeta americano Edward Estlin Cummings, citado por Woody Allen na súa fermosa Hannah e as súas irmás . As mans da chuvia están a revolver o panorama, e os turistas, que veñen coa idea de que a chuvia en Galicia é arte, danse conta de que, por arte que sexa, molla coma en tódolos lugares do mundo. E un día ou dous non lles importa agardar, pero ó terceiro collen as maletas e abandónannos. É unha mágoa, pero qué lle imos facer, Galicia é verde por algo. Se non chove no inverno, choverá no verán. En Forcarei, cando as preñadas nubes rompen augas, temos un vello dito: Aquí cando chove facemos coma en Soutelo . E se alguén pregunta: ¿e que fan en Soutelo? , contestámoslle: deixar chover .