Couso alerta sobre o perigo de despistarse fronte a un rival que pode dar a sorpresa como calquera O filial recibe no Pavillón do Comarcal o colista, o Narón, coa obriga de gañar
16 dic 2005 . Actualizado a las 06:00 h.O equipo de Xosé Couso ten esta tarde a oportunidade de fixar unha nova marca que ninguén no lugar lembra nun conxunto de Lalín: rematar a primeira volta da Liga líder invicto. Pase o que pase hoxe a partir das 18.30 horas no Pavillón Municipal, o Portadeza proclamaráse esta noite campión de inverno do seu grupo, ao chegar á derradeira xornada do ano con 4 puntos de vantaxe sobre o Sa-Fa. Só queda por confirmar que o fará ademais sen coñecer a derrota, un reto que chegados a este punto, e visto o rival de turno, non semella demasiado complicado. Quinto pola cola con 10 puntos, o Leganés parte a priori como convidado de pedra á festa roxinegra. Este punto de partida obrigáballe onte ao técnico dezao a pedir precaución. Xosé Couso é consciente de que o Leganés é un adversario do máis asequible, «pero non hai que despistarse». Porque como ben sinalou o propio técnico do cadro madrileño un día antes, «nesta Liga nunca sabes quen che pode sorprender», subliñou o preparador do Portadeza. Dous son os referentes do xogo do Leganés. O seu veterano porteiro, Luis Castellar, vello coñecido dos siareiros roxinegros tralo seu paso polo C.B. Lalín anos ha. E o pivote Antonio De Los Santos, que cos seus case 6 goles por partido figura como o oitavo máximo anotador da Liga. Mestura de veteranía e de xuventude, o Leganés será un cómodo rival para o Portadeza se lle facemos caso o adestrador madrileño, Paco Parrilla, quen o xoves confesaba que o seu plantel chega á capital dezá baixo de forma. O ritmo endiablado do balonmán local debería bastar así para doblegar o derradeiro contrincante do ano. Pola súa parte, o Portadeza B recibe ás 19.45 horas o colista, Narón. Un equipo que aínda non sabe o que é sumar 1 punto tralas 11 primeiras xornadas do campionato regular. O filial roxinegro xoga de xeito extraordinario no Pavillón do Comarcal, desprazado polo BasketDeza de Segunda División Zonal.