«Deberíase crear unha plataforma para pedirlle o Multiusos á Xunta»

Pablo Penedo Vázquez
Pablo Penedo LALÍN

DEZA

O futuro das instalacións deportivas de Lalín a debate (V) | Juan José Rodríguez Rodríguez prefire o proxecto do goberno local ao do PSOE porque «propón un novo recinto mantendo o que xa temos», pero ve urxente a reforma do Pavillón Municipal

17 mar 2006 . Actualizado a las 06:00 h.

Formado hai xa 18 anos, o BásketDeza milita na actualidade na Segunda División Zonal integrado por unha ducia de afeccionados locais pendentes, como o resto dos usuarios do Pavillón Municipal, do futuro Multiusos. -¿O deporte de Lalín precisa de novas instalacións con urxencia? -Si. Pero que non afecten á marcha das competicións. É preciso que haxa instalacións a maiores, pero iso non pode supoñer o peche das actuais, que son aproveitables. -O Concello prometeu un Multiusos rematado ou moi avanzado antes das vindeiras eleccións municipais, en xuño do próximo ano... -Eu só dirixo un equipo de baloncesto. Non vivo nin falo de política. Agora, todo o que se faga para o ben dos deportistas e do pobo de Lalín gustaríame que se fixera. -¿Que opinión lle merece o anteproxecto de Multiusos presentado polo grupo de goberno local no 2004? -O que me gusta del é que é unha instalación a maiores das que xa existen. Os multiusos están de moda, e podo entender que un concello das características do de Lalín queira ter un recinto multifuncional. Só querería que as actividades sobre as que xirase fosen deportivas. -¿Como valora a proposta de Multiusos recentemente feita polo PSOE? -A min non me invitaron á súa presentación. En Lalín temos o orgullo de poder dicir que somos un dos concellos de Galicia nos que proporcionalmente hai máis clubs e no que máis disciplinas deportivas se practican. Estes clubs e deportistas precisan de cantas máis instalacións haxa, e a opción do PSOE pretende substituír algo que xa temos, o Pavillón Municipal, por algo novo. Seguro que é un bo proxecto, pero eu prefiro seguir mantendo o que temos, e crear un novo recinto. Cantas máis instalacións teñamos, máis deportistas teremos e mellor atendidos estarán. -¿Que lle parece o proxecto de xestión integral do deporte do BNG? -Non o coñezo. Levo 2 meses sen pasar moito por Lalín a causa do meu traballo. Gustaríame coñecer esa proposta. De tódolos xeitos, penso que isto é máis un problema social cá político. Deberíase facer unha plataforma, formada por deportistas, afeccionados... non só polos grupos políticos, que tirase de quen realmente pode facer o novo pavillón, a Xunta. Facer unha asociación e recoller sinaturas para trasladarlle á Xunta esta necesidade. Todos debemos traballar na mesma liña. -Circunvalación. Zona deportiva. ¿Cal debería ser a ubicación do futuro recinto polideportivo? -Non teño un criterio formado ao respecto. -¿O Multiusos resolverá tódalas necesidades en materia de infraestructuras deportivas de Lalín? -Por sorte, cantas máis instalacións teñamos, máis deportistas e deportes imos ter. Gustaríame que unha vez que contemos con esa instalación proxectada seguísemos precisando de máis. Sería un bo sinal. -¿Os clubs deberían ter algún papel no proceso de deseño da futura instalación deportiva insignia do Concello? -Os clubs somos clubs. Non somos enxeñeiros, nin políticos. Nin sequera dirixentes sociais. Todo o consello que nos pidan estará ben. Pero sen ter nunca máis protagonismo do que deberamos ter. -¿Que opina da decisión do goberno local de deixar a reforma do actual Pavillón Municipal ata o remate do Multiusos? -Entendo que hai reformas que son urxentes ou moi urxentes, e outras que quizais se poidan afrontar a medio prazo. Pero que o Pavillón Municipal precisa reformas é obvio. O Pavillón ten os anos que ten, e en Lalín temos a climatoloxía que temos. Tecnicamente non sei como se poden amañar problemas como os da caldeira. Pero hai cousas que son de primeira necesidade.