
A portada foi reconstruída e conta cunha torre de forma cilíndrica rematada en pirámide Un roubo no ano 1981 deixouna sen catro tallas, unha delas do século XVI
02 dic 2006 . Actualizado a las 06:00 h.Da antigüidade da freguesía de Santa Mariña fálanos o Catálogo de documentos reales, de Rubén García, que nos amosa un documento do 25 de outubro do ano 924, polo que Fruela II, fai unha doazón da vila de Barcala nas beiras da Ulla á igrexa de Santiago. A igrexa, que posúe unha fermosa ventá de arco semicircular no centro do testeiro, foi construída a finais do século XII. Pedro Varela di respecto ao nome de Barcala: «S egún el célebre historiador gallego, Verea y Aguiar, la denominación Barcala fue tomada del cartaginés Almicar Barca o de la familia Barcina. Otros historiadores aseguran que es palabra celta, con raíz bar, que significa, cima, cumbre. Por otra parte si Barcala se escribió en algún tiempo con V como hemos visto en documentos antiguos, nos encontramos con la raíz Var del griego, y puede significar agua, circunstancia muy de tener en cuenta porque allí corre el caudaloso Ulla. Por último, cabe suponer que Barcala venga de las Barcas o Barcazas, empleadas para cruzar el mencionado río ». Entre os documentos de Santa María de Armenteira, -depositados no Arquivo Histórico Nacional, carpeta 1752, documentos 2 e 20- atopamos unha doazón, de Fruela II, do 25 de outubro do ano 924, na que doa, a vila de Barcala á beira do río Ulla, á igrexa de Santiago de Compostela. No ano 1981 os ladróns da historia leváronse un cáliz, un copón, unha patena e catro tallas, unha delas de Santa Mariña, do século XVI. A fachada principal, totalmente reconstruída, é moi orixinal; ten unha torre de forma cilíndrica rematada en pirámide e forma un pequeno alpendre diante dunha sinxela portada enmarcada cun arco semicircular. A ábsida rectangular ten dous tramos enmarcados entre dous pares de contrafortes. O aleiro, como nos indican os distintos autores consultados, foi alterado da súa posición orixinaria, foi elevado uns centímetros por riba da cornixa. Ao elevar o aleiro obrigou a modificar a directriz dos arcos interiores que orixinariamente eran de medio punto e agora son apuntados. A cornixa posúe chafrán recto e está sostida por canzorriños de proa. No tramo central da ábsida ábrese unha ventá con dobre arquivolta semicircular e con chambrana de bólas. Érguese este conxunto sobre dúas columnas. Estas teñen as bases entregas, o fuste é monolítico e apoiado e os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de follas e mazás. O ábaco, de chafrán recto, é dunha peza e impóstase ao longo do muro da ábsida. No centro ábrese unha seteira. Na ventá pode lerse o nome da igrexa: Santa Mariña. No interior da ábsida podemos apreciar o arco triunfal de medio punto apuntado e dobrado. Paralelo a este, coa mesma directriz, está un segundo arco secundario. Catro columnas arrimadas, apoiadas nun rebanco que percorre todo o presbiterio, sustentan a estes dous arcos. Estas columnas teñen as bases de pérfil ático con garras. Os fustes son apoiados e curtos; están formados por catro semitambores. Os capiteis están enfeitados con motivos vexetais de follas e bólas. Unha imposta de bólas, hoxe en día incompleta, une os ábacos das columnas e marca o arranque da bóveda que cobre o presbiterio.