«Botábase de menos un pregoeiro afeito aos fogóns»

Amelia Ferreiroa LALÍN

DEZA

Entrevista | Xacobe Pérez Paz O polifacético Xocobe Pérez Paz asegura que a Encomenda é un dos actos máis sentido e caluroso que tén a festa gastronómica

10 feb 2007 . Actualizado a las 06:00 h.

Atopamos ao político, cociñeiro, actor, humorista e membro dunha vintena ou trintena de asociacións en Portugal. Fixo un receso na Copa do Mundo de Saltos, de Vigo, para achegarse á aldea etnográfica de Muiños de Bade -da familia González Troncoso- ao lado de Valença. Dende o país veciño a Lalín. Hoxe é mestre de cerimonias da Encomenda do Cocido. -¿Todo listo? ¿Algunha novidade á vista? -Penso que está todo. Sei que os comendadores están agardando a celebración do acto con moita ilusión e novidades non haberá. Mira, cando unha cousa está ben feita e funciona non é preciso modificar nada. -Vostede tivo un programa de cociña e lle gusta o tema agradecerá que o pregoeiro sexa un cociñeiro... -Botábase de menos un pregoeiro afeito aos fogóns. É certo que pasaron por Lalín persoeiros moi relevantes que tiveron a laboura de difundir a cociña galega por todo o mundo pero faltaba un profesional dos fogóns. Penso que o pregoeiro, Karlos Arguiñano, moverá moito público xa que é unha persoa moi carismática e mediática. -¿Coñece persoalmente a Karlos Arguiñano? -Pois teño amistade con él polo programa que fixen na Galega, Bo proveito con Xacobe . Tiña referencias do índice de audiencia que tiña o espazo e púxose en contacto conmigo. Falamos dos programas que estabamos a facer en televisión, e posteriormente participei telefónicamente nun dos seus espazos televisivos. Por certo, aproveito para dicir que se bota en falta un programa de cociña na canle autonómica. É unha mágoa que desaparecera o espazo e non se voltara a facer nada semellante, ás persoas maiores gustáballes moito. -E, ¿como será o acto desta mañán? -Caluroso, sentido e con corazón xa que os comendadores do Cocido terán que levar o nome de Lalín polo mundo, así o van prometer ou xurar e mesmo degustar unha vez ao ano o plato estrela da vila, que non será difícil facelo. Todos os que quieran vir están convidados, e que saiban que imos comezar aí ás once da mañán que logo teremos aínda moito que facer. -Desfile, e creo que forte rivalidade nas carrozas este ano... -Iso vai sempre aumentando. Un ano máis poderemos ver as representacións do traballo artesanal e manual do noso rural que se foi perdendo coa chegada da mecanización ao campo. Pedimos paciencia e colaboración a todos os visitantes porque serán unhas tres mil persoas as que desfilarán hoxe.