Viravolta amosa nova imaxe

Amelia Ferreiroa

DEZA

A compañía participa por primeira vez na Feira Galega das Artes Escénicas, que se celebra ata o 23, en Santiago

21 oct 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

O Auditorio de Galicia acolle -dende o pasado día 19 e ata o 23 de outubro- a Feira Galega das Artes Escénicas á que asiste, por vez primeira, Viravolta. En Santiago de Compostela a compañía lalinense amosa ao público boa parte do material que posúe e mesmo fai un percorrido pola historia da agrupación, que case alcanza xa os trinta anos de vida. Son vinte compañías galegas, cinco espazos de exhibición e cinco xornadas de actividade artística e comercial a que converten esta feira nunha interesante cita para os profesionais da escena. Á feira están convidados programadores, distribuidores e axentes culturais de toda España. Un encontro que está organizado pola Consellería de Cultura e Turismo, a través da Agadic no que se pretende garantir a comodidade e o dinamismo na interacción entre os profesionais asistentes.

Nun percorrido polos diferentes stands da feira, o visitante pode ollar marionetas de distintas procedencias e características que expón a compañía Viravolta que proxecta tamén un vídeo coa súa historia.

Por outra banda, a agrupación lalinense escolleu a Feira Galega das Artes Escénicas para dar a coñecer a súa nova imaxe corporativa que foi elaborada por Salvador López, un catalán residente na capital dezá. O logotipo de Viravolta sufriu ao longo dos anos pequenas modificacións pero a nova imaxe que se presenta agora poucas similitudes garda coas anteriores. Con toda probabilidade na vindeira semán farase unha presentación oficial do novo logotipo e páxina web de Viravolta en Lalín.

A compañía segue tamén con actuacións programadas para os vindeiros meses que alternará con talleres formativos. Actualmente son moitos os obradoiros que os integrantes da agrupación están a impartir por Ourense, Lugo e A Coruña. E, para novembro, xa están fixadas actuacións en Padrón, Valdoviño e Carballo. Na Casa da Cultura e no Centro Social de Padrón representará a obra «A caixa de música». Será o vindeiro día 3. O 18 de outubro Viravolta estará en Valdoviño representando a obra «Paxaro de lume» na Casa da Cultura, e o 29 no Auditorio de Carballo escenificará tamén «A caixa de música».

Unha agrupación que está medrando nestes últimos tempos ao contar con novas incorporacións caso de Chispón, Fran Lareu ou Luís Iglesias que se encargan de manipular as marionetas, das fotos e da escenografía das obras. Anxo García continúa sendo o director da compañía na que están «históricos» coma Pilar Álvarez e Xulio Balado.