Opasado día 22 de decembro, unha entidade de apenas tres anos de existencia, que reviste a máis pura esencia do turismo da Galicia interior, a asociación Ouro Verde, recibeu o apoio e o recoñecemento público da práctica totalidade das institucións públicas e privadas que conforman o mundo da restauración, da cultura, do comercio e do turismo da provincia de Pontevedra nos últimos 40 anos, no transcurso do acto do 25 aniversario de Turismo Rías Baixas, celebrado en Vigo. Coido que esta homenaxe da nosa provincia, que ocupa o sétimo posto no turismo nacional, con máis dun millón de pernoctacións no ano 2.010, na que a actividade turística supón o 13% de seu PIB, é un importante espaldarazo a labor dos 55 socios de Ouro Verde, asociación en pleno proceso de expansión, debido a nosa política de portas abertas para todos aqueles establecementos do ramo que desexen acompañarnos, que, sen apenas medios materiais, antepoñendo o ben común os intereses individuais, fomos capaces de xuntarnos e permanecer unidos o longo destes tres anos, formando unha fronte común na rica e variada oferta cultural, gastronómica e turística da comarca do Deza, aínda pouco coñecida no exterior.
Este feito lévanos a pensar que estamos camiñando na boa dirección, pero sobre todo, obríganos a continuar con maior tesón, se cabe, nesta liña de traballo, loitando para que esta semente xermine, e este colectivo se consolide, porque temos a firme convicción de que os recursos do Deza non teñen nada que envexar a calquera outra oferta existente para os cada vez mais numerosos amantes da natureza e do turismo rural, constituindo ademais un complemento ideal e necesario para enriquecer os paquetes turísticos dos milleiros de visitantes das nosas costas, criterio que, afortunadamente comparten, tanto Turismo Rías Baixas, como a Dirección Xeral de Turismo, que por fin se decataron de que as Rías Baixas comezan aquí, precisamente no nacemento dos ríos que as abastecen.
Non descansaremos ata transmitirlle esta clara mensaxe aos principales turoperadores e axencias de viaxes do noso entorno, porque sen dúbida o segredo mellor gardado da Galicia que se está a promocionar reside nas xentes, nas tradicións, nas festas e nas verdes paisaxes das comarcas do interior como as Terras do Deza, en perfecto maridaxe coas mellores praias de España que, por sorte, atópanse na nosa provincia.
Estamos facendo hoxe aquelo que soñábamos fai tres anos, e agora ilusiónanos pensar que contaremos co total apoio dos seis concellos da comarca -intentaremos atender a caseta de turismo de Lalín durante todo o vindeiro ano, e solicitaremos a colaboración dos concelleiros de turismo para montar unha potente páxina web coa información global dos grandes recursos da zona-, dos profesionais do ramo -hoteis, casas rurais, restaurantes, empresas de turismo activo, museos, medios de transporte e comunicación-, e, en xeral, da totalidade dos 45.000 habitantes do Deza.
Resulta de vital importancia que cada un de nós animemos, primeiro, a crer firmemente nas nosas posibilidades que desde fóra ven moi claras, actuando coa consciencia e a responsabilidade de que todos, sin excepción, non importa o lugar que ocupemos, podemos aportar o noso gran de area para atraer moita xente a zona -informándonos do que realmente temos na sede de Ouro Verde, ou en calquera concellería de Turismo da comarca, onde disporán de todo o material que vaiamos recopilando, a través de guías, vídeos, folletos, pasaportes turísticos, páxinas web-, e segundo, procurando prestarlle un exquisito servicio de calidade e bo trato, tanto dentro dos establecementos como nas rúas, porque nos estamos xogando compartir a galiña dos ovos de ouro, da que Pontevedra con razón presume con esta actividade, ou quedarnos fóra por moitos anos, desperdiciando a que probablemente sexa, na actual complicada coxuntura económica , unha das poucas e boas oportunidades de futuro para nós e os nosos fillos.